Skip to main content

Inmaculada Tomás, primeira catedrática na área de Estomatoloxía na USC

Inmaculada Tomás, terceira pola esquerda, xunto aos membros da comisión que a avaliaron
Inmaculada Tomás, terceira pola esquerda, xunto aos membros da comisión que a avaliaron
Dende o ano 2011, é coordinadora do Servizo Universitario I+D en Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais e coordinadora do ‘Oral Sciences Research Group’
Santiago de Compostela

A profesora da USC lnmaculada Tomás acaba de alcanzar a Cátedra na área de Estomatoloxía da USC, converténdose na primeira muller en conseguilo. Licenciada en Odontoloxía e premio extraordinario de Licenciatura pola Universidade de Granada (1998) é doutora en Odontoloxía e premio extraordinario de Doutoramento pola Universidade de Santiago de Compostela (2005). Dende 2008 é profesora titular da materia ‘Odontoloxía en Pacientes Medicamente Comprometidos’ na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC.

Dende o ano 2011 coordina o Servizo Universitario I+D en Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais (SG037, USC) e ‘Oral Sciences Research Group’, grupo de investigación que tamén pertence ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).

Actualmente, é colaboradora adscrita ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS-USC). A profesora Inmaculada Tomás é tamén investigadora colaboradora en diversas institucións británicas tales como o Eastman Dental Institute, a Facultade de Medicina e Odontoloxía da Queen Mary University e o King’s College de Londres. Durante o período 2011-2014 desempeñou as funcións de vicedecana da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, formando parte do equipo decanal do profesor Juan Gestal.

Autora do libro Odontoloxía en Pacientes con Necesidades Especiais e de máis de 20 capítulos de libros, as súas principais liñas de investigación céntranse no estudo da etiopatoxenia das enfermidades periodontais, a súa relación coas enfermidades sistémicas mediante a aplicación de tecnoloxías ómicas, a actividade de antimicrobianos orais e o diagnóstico sobre radioloxía dental mediante a aplicación de técnicas de intelixencia artificial. Derivado destas investigacións, participou na elaboración de máis de 100 publicacións en revistas con alto índice de impacto, e dirixido dezaseis teses de doutoramento.

The contents of this page were updated on 05.05.2022.