Skip to main content

Unha mostra percorre a traxectoria e o patrimonio documental do Arquivo Histórico Universitario

Exposición 'Arquivo Histórico Universitario. Crónica dunha custodia'. Foto: Santi Alvite
Exposición 'Arquivo Histórico Universitario. Crónica dunha custodia'. Foto: Santi Alvite
A capela do Colexio de Fonseca acolle a exposición dende o 27 de abril ao 28 de maio

O Arquivo Histórico Universitario de Santiago quere dar a coñecer o seu labor e a riqueza documental que acolle, xestiona e conserva. Con ese fin, promove a exposición Arquivo Histórico Universitario. Crónica dunha custodia, que poderá ser visitada dende o 27 de abril ao 28 de maio na capela do Colexio de Fonseca. A mostra, comisariada pola directora do Arquivo, Désirée Domínguez Pallas, conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Inaugúrase este mércores, 27 de abril, ás 19.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto coa presenza do reitor da USC, Antonio López, e a directora do Arquivo.

Mediante distintos paneis expositivos, ofrece un percorrido cronolóxico que arranca en 1542 e visita os principais fitos históricos que repercutiron, dun xeito ou doutro, na xénese e evolución do Arquivo. A exposición amosa tamén o proceso de conformación do seu corpus documental ao longo do tempo. Para ilustralo, diferentes vitrinas permiten admirar documentos de gran valor histórico e pezas que achegan ás persoas visitantes informacións curiosas ou descoñecidas. Inclúe unha selección de xoias documentais que, por primeira vez, sairán dos depósitos do arquivo para que poidan ser contempladas publicamente.

Finalmente, a exposición fai tamén presente a dimensión humana deste labor de custodia, con documentación relativa a aquelas persoas que foron responsables do arquivo ou estiveron vencelladas a el nas distintas épocas, e dá conta da evolución da figura do arquiveiro ata o seu recoñecemento como profesión coa creación da especialidade a mediados do século XIX. A partir do día 28 de abril, horario de visitas é de luns a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

The contents of this page were updated on 05.02.2023.