Skip to main content

O universo sonoro proxectado polo Mestre Mateo reverdece co programa ‘Os sons da pedra’

Programa de actividades 'Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo'
Programa de actividades 'Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo'
A construción dos instrumentos esculpidos polo Mestre serve de fío condutor a un simposio, unha exposición e un ciclo de concertos que afondan no coñecemento do seu legado e na difusión do patrimonio musical galego

Baixo o nome Os sons da Pedra. O ronsel do Mestre Mateo, a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC en colaboración co grupo de investigación Organistrum programa para estes días un compendio de actividades académicas e culturais cara á difusión do patrimonio instrumental proxectado na pedra polo xenio galego.

A iniciativa apóiase nos traballos de construción en madeira dos instrumentos do Pórtico desenvolvidos entre 1990 e 1993, froito dun proxecto de investigación coordinado polos profesores José López Calo e Carlos Villanueva co apoio da Fundación Barrié. Naquela altura, o Museo das Peregrinacións abeirou un obradoiro multidisciplinar que congregou en Compostela persoal investigador en Historia e Musicoloxía canda profesionais da artesanía musical e instrumentistas. A experiencia conduciu á reprodución de 19 dos instrumentos esculpidos na pedra polo Mestre que se farían soar en concerto aos pés do Pórtico da Gloria en 1991. A seguir, a colaboración coas deputacións de Lugo e Ourense permitiu o establecemento de novos obradoiros nas dúas cidades que, baixo a dirección de Luciano Pérez e Manuel Brañas, respectivamente, levaron á réplica en madeira dos instrumentos do Pazo de Xelmírez da Catedral de Santiago e o Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense.

O achegamento a este proxecto de investigación e ao patrimonio instrumental recuperado artéllase agora a través dunha variada proposta de actividades que inclúen un simposio académico, unha exposición e un ciclo de concertos para explorar as  múltiples arestas do legado do Mestre Mateo. O programa conta con patrocinio da Xunta de Galicia e a Axencia Estatal de Investigación e coa colaboración da Fundación Barrié, as deputacións de Lugo, Ourense e A Coruña e o Museo da Catedral de Santiago.

Simposio

O programa de actividades ‘Os Sons da Pedra. O ronsel do Mestre Mateo’ bota a andar o xoves 28 ás 16.00 horas na Aula Magna da Facultade de Xeografía e Historia cun simposio homónimo organizado polo grupo de investigación Organistrum. Ata o sábado, día 30 de abril, o evento reunirá en Compostela persoal investigador, instrumentistas e lutieres ligados aos mencionados proxectos de reconstrución instrumental.

As sesións expositivas explorarán, entre outros temas, a riqueza dos sons do Pórtico, a historia da arqueoloxía musical experimental, as características dos instrumentos medievais, as escolas e obradoiros da artesanía galega ou a actualidade da lutería na contorna estatal. Ademais, o programa do evento garda lugar para a visitas á Catedral e á exposición do Pazo de Fonseca e para a asistencia aos concertos do ciclo homónimo que dará vida e son a eses instrumentos recuperados. Esta oferta musical amplíase cun recital engadido no que a voz e salterio de Begoña Olavide clausurarán o programa de actividades o sábado día 30 ás 13.00 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. A asistencia ao simposio é libre ata completar a capacidade das salas.

Ciclo de concertos

Do 28 de abril ao 24 de maio, o ciclo Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo ofrece cinco concertos -todos eles a partir das 20.30 horas e de entrada libre ata completar capacidade- que teñen como fío condutor a reconstrución dos instrumentos que o Mestre Mateo esculpiu no Pórtico da Gloria e as derivacións de xéneros e xeográficas que deixou o seu ronsel.

O primeiro deles, por conta do grupo Malandança, terá lugar o mesmo xoves, 28 de abril, ás 20.30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Baixo o título Unha noite na corte do Rei Alfonso, a formación dirixida por Francisco Luengo ofrecerá un repertorio da corte do monarca con algunhas das cantigas de Santa María. Malandança está integrado por vocalistas e instrumentistas de prestixio, como Esperanza Mara (voz), Manuel Vilas (arpa medieval), César Arias (cítola, laúde e organistrum), Xurxo Lois Varela (viola) e Francisco Luengo (violón e organistrum). Moitos dos seus instrumentos foron construídos nos talleres de César Arias e do propio Luengo, e empregados en numerosas gravacións do grupo.

O ciclo continúa no mes de maio con outros catro concertos que levarán ao Paraninfo os sons de múltiples instrumentos medievais. Así, o martes, día 3 de maio, Pancho Álvarez fará soar zanfonas, arpas, fídulas, violas de man, cítolas, violas e liras. O día 10, o dúo conformado por Rosa Sánchez e Pablo Carpintero revivirá diferentes tipos de gaitas e cordófonos. O grupo Martín Códax interpretará o mércores 18 de maio un programa para voz, organistrum, fídula, laúde, arpa, corneto, chirimía, frauta, zanfona, salterio, dulzema e percusión. Finalmente, o musicólogo e instrumentista Antonio Madueño e a soprano Kimiyo Nakako pecharán o ciclo cun concerto para voz e diferentes instrumentos de corda o 24 de maio.

Exposición

Monterrat Capelán e Carlos Villanueva comisarían a exposición Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo que permanecerá no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca do 29 de abril ao 28 de maio.

A mostra inclúe varias das pezas elaboradas a partir dos traballos de reconstrución en madeira dos instrumentos presentes no Pórtico da Gloria e o Pazo de Xelmírez da Catedral de Santiago e o Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense.  A exposición está dedicada á memoria de tres persoas que marcaron fondamente o desenvolvemento daqueles tres proxectos: José López Calo, Serafín Moralejo e John Wright. O deseño expositivo é de Manuel Martínez, con fotos de Tono Arias e Tino Martínez (pertencentes estas á Fundación Barrié). Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo inaugúrase o venres 29 de abril ás 20.00 horas e a asistencia é libre ata completar a capacidade da sala.

 

The contents of this page were updated on 04.28.2022.