Skip to main content

Talento para o sector económico desde a Facultade de ADE

De esquerda a dereita, Miriam Gómez, Diego Rivas, Catherine Vales e Clara Fernández, na Facultade de ADE
De esquerda a dereita, Miriam Gómez, Diego Rivas, Catherine Vales e Clara Fernández, na Facultade de ADE
A Mención de Honra acadada polos estudantes Catherine Vales, Carla Fernández e Diego Rivas no Talent Match de Hotusa proba a “excelencia” da formación da Facultade de ADE e amplía os horizontes laborais dos seus graduados, di o decano Roberto Bande
Lugo

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo alimenta e canaliza a innovación e o talento do estudantado cara a calquera ámbito do sector económico, segundo puxo de manifesto o decano Roberto Bande Ramudo no acto de recoñecemento brindado aos alumnos de último curso do grao en ADE Catherine Vales, Carla Fernández e Diego Rivas pola Mención de Honra acadada na última edición do Talent Macht de Hotusa co proxecto de innovación turística ‘Eurowheels’, que mestura de xeito harmónico o confort das estancias hostaleiras coa liberdade de movemento e as prestacións que outorga unha furgoneta ben equipada.

O Talent Macht celebrado en Madrid polo grupo Hotusa para premiar as mellores ideas innovadoras no eido do sector turístico achegadas por estudantes de 14 universidades españolas constata a “calidade e a excelencia” da formación recibida polo alumnado da Facultade de Administración e Dirección de Empresa da USC en áreas como a comercialización, a xestión dos recursos humanos, a organización de empresas ou a análise financeira e contable, salienta Bande Ramudo.

Logo de felicitar aos tres estudantes galardoados, así como á profesora Miriam Gómez Barreiro, en calidade de titora do equipo, odecano da Facultade de Ade destacou tamén que “a mención de honra acadada por Catherine, Carla e Diego constitúe tamén un premio para una facultade que traballa a prol da excelencia no ensino e na investigación para que os futuros graduados e graduadas accedan ao mercado laboral e acaden os maiores logros profesionais”.

O novo título de grao en Empresa e Tecnoloxía que vén de implantarse na sede universitaria luguesa e no que se están a aplicar novas metodoloxías docentes, ademais de apostar pola semipresencialidade, constitúe unha achega máis da Facultade de ADE a prol da mellora da calidade da formación e capacitación do seu alumnado, di Bande.

Presentación de ‘Eurowheels’

Os estudantes de cuarto curso do grao en Administración e Dirección de Empresas da USC Catherine Vales, Carla Fernández e Diego Rivas aproveitaron este acto de recoñecemento ofrecido polo centro no que están a completar o grao en Administración e Dirección de Empresas para achegar e explicar o proxecto Eurowheels a toda a comunidade universitaria.

Eurowheels, sinalaron, é unha iniciativa diferente de facer viaxes de lecer a través da que se propón fusionar o turismo de hotel co de camper van. Trátase dunha proposta inspirada e acaída para as novas tendencias de Slow Travel, tal e como se coñece a nova filosofía de viaxar sen presas, desconectando y gozando de cada instante, relataron.

Daquela, o proxecto Eurowheels concrétase como un servizo de aluguer de camper van (furgoneta/caravana) integrado nunha prestixiosa cadea hoteleira. Esta nova prestación, subliñaron, permitiría ao Grupo Hotusa aproveitar a capacidade loxística que ofrecen os seus establecementos e os emprazamentos estratéxicos nos que se atopan para ofrecer ao visitante turismo urbano e de natureza, conclúen Catherine, Carla e Diego.

 

The contents of this page were updated on 04.29.2022.