Relacións Laborais destaca a implantación dun pioneiro programa de doutoramento no día da súa festividade
A implantación do programa de doutoramento en Relacións Laborais e Recursos Humanos, “primeiro destas características existente nunha universidade española”, foi o eixo sobre o que a decana Silvia Moscoso artellou o seu discurso co gallo da festividade de Relacións Laborais, o Día do Traballo que terá lugar o vindeiro domingo, 1 de maio. O acto deste venres estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa conferencia ‘A reforma laboral: o diálogo e a negociación’ a cargo da directora xeral de Traballo do Ministerio de Traballo e Economía Social, Verónica Martínez Barbero.
Con este programa de doutoramento complétase o ciclo dos estudos universitarios en Relacións Laborais e Recursos Humanos, xunto co grao e os diferentes mestrados que se imparten no centro. “Con isto eméndase un certo agravio comparativo que existía para os nosos estudantes, xa que moitos deles, que desexaban proseguir a súa formación académica e investigadora, tiñan que facelo en programas doutras disciplinas, coa obvia dificultade para acceder aos mesmos por provir dunha titulación diferente”, explicou a profesora Moscoso Ruibal. Esta titulación interuniversitaria botará a andar no curso 2022-2023.
“A nosa disciplina está en continua evolución, non esgotou o seu campo de intervención e o perfil competencial do noso alumnado permite situalos no marco do mercado laboral en condicións de vantaxe competitiva, capacitándoos para traballar en múltiples ámbitos da empresa e as administracións públicas”, subliñou a decana ao realizar un percorrido pola oferta docente do centro.
Entrega de premios
O acto serviu tamén para facer entrega de diversos galardóns impulsados dende a Facultade. Así, o Premio Profesor Joaquín Vidal Portabales aos dous mellores Traballos Fin de Grao (TFG) do curso 2020-2021 recaeu en Uxía Costa Barral polo traballo ‘O acoso psicolóxico no ámbito laboral: perspectiva científica e xurídica’. Este galardón está dotado con 500 euros. Ademais, entregouse un segundo premio, cunha dotación de 350 euros, a Andrea Freire Gracia polo traballo ‘As ferramentas de selección de persoal: uso e percepción por parte dos profesionais de recursos humanos en España’.
O premio Javier Marañón, que chega xa á súa novena edición e que outorga o Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense coa vontade de recoñecer o alumno/a que mellor represente os valores sociais e académicos da Facultade e a profesión, recaeu este ano, a título póstumo, en Elisabeth Suárez Pereiro, alumna do centro finada en 2020. Ademais, o galardón que leva o nome da propia Elisabeth e co que seus pais quixeron render tributo ao mellor expediente da promoción da súa filla, recoñeceu a traxectoria académica da alumna Andrea Freire Gracia.