Skip to main content

A inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual, a análise na Facultade de ADE

Relatores participantes no foro sobre discapacidade intelectual e emprego, na Facultade de ADE
Relatores participantes no foro sobre discapacidade intelectual e emprego, na Facultade de ADE
O alumnado da materia Fundamentos da Xestión e dos Recursos Humanos, impartida na Facultade de ADE por Ángeles López Cabarcos, coñece a realidade do mercado laboral para persoas con discapacidade intelectual da man de protagonistas, técnicos de emprego da Asociación Down e da responsable do SEPIU da USC no Campus de Lugo
Lugo

A discapacidade intelectual entrou este luns de cheo nas aulas da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC, onde o alumnado da materia Fundamentos da Xestión e dos Recursos Humanos impartida pola profesora Ángeles López Cabarcos tiveron a ocasión de coñecer de primeira man a realidade que depara o mercado laboral para as persoas con discapacidade intelectual, a través dos testemuños de traballadores e traballadoras pertencentes a este colectivo social, así como da man dos técnicos de emprego da Asociación Down e da responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC na sede universitaria luguesa, Fátima Teixeiro.

A sesión, organizada co gallo de darlle visibilidade á situación das persoas con discapacidade intelectual e as dificultades específicas que deben sortear para acadar un emprego, ademais de sensibilizar ao propio alumnado de ADE sobre a necesidade de traballar a prol da integración social e laboral deste colectivo de persoas, serviu asemade para dar a coñecer ao estudantado do Campus lugués o ‘Programa de Emprego con Apoio’, promovido pola Asociación Down Lugo.

Os técnicas de emprego da Asociación Down Lugo, Sarai Lodeiro Castro e Francisco Varela Guerrero, explicaron diante do alumnado as singularidades da iniciativa impulsada desde esta asociación luguesa en aras a facilitar e mellorar a empregabilidade das persoas con síndrome de Down.

De seguido, interviñeron como relatores nesta sesión aberta sobre discapacidade intelectual o responsable de RRHH e a responsable de Arquivo, área Administración,de AmsLab, David Seijas e Sabela Arias, respectivamente; as traballadoras no McDonaldsda capital luguesa Laura Otero e María Isabel Casanova, así como Saúl Montoya, empregado de Feuvert no taller de que dispón esta compañía en Lugo.

Unha vez rematadas as súas intervencións, nas que cada unha destas persoas con discapacidade deu conta das experiencias vividas, todos os relatores mantiveron un interesante coloquio co alumnado respecto das particularidades e dificultades para acceder a un posto de traballo ás que teñen que enfrontarse as persoas con síndrome de Down ou aquelas que presentan calquera outro tipo de discapacidade intelectual.

Esta actividade de marcada pegada social chegou ao seu colofón logo de hora e media coa intervención da responsable do SPIU da USC no Campus de Lugo, Fátima Teixeiro, que puxo o foco na necesidade de que a sociedade se active e non escatime esforzos para avanzar na integración sociolaboral das persoas con discapacidade.

 

Alumnado e docentes do grao en ADE, na sesión sobre discapacidade intelectual e acceso ao mercado laboral
Alumnado e docentes do grao en ADE, na sesión sobre discapacidade intelectual e acceso ao mercado laboral
The contents of this page were updated on 05.02.2022.