Skip to main content

O XXIV Festival de Teatro Universitario abre o pano en Lugo este martes cun ensaio aberto da obra ‘WK’ no auditorio municipal

Actores da compañía de teatro USC-Lugo, nunha performance
Actores da compañía de teatro USC-Lugo, nunha performance
A compañía de teatro USC-Lugo protagonizará, a partir das 20.00 horas, un ensaio parado tralo que o público poderá manter un coloquio cos integrantes da formación

O XXIV Festival de Teatro Universitario botará a andar este martes no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo, a partir das 20.00 horas, cun ensaio aberto da obra ‘WK’, a cargo da compañía USC-Lugo. O público que acuda a esta función poderá ver como ensaian os actores que integran esta formación universitaria luguesa, ademais de presenciar como se graban luces e se perfilan os últimos detalles dunha representación que se estreará mañá mércores, no mesmo escenario, na xornada de apertura do XXIV Festival de Teatro Universitario. Ao remate do ensaio, os actores e demais integrantes da formación que dirixe Paloma Lugilde, manterán un coloquio aberto co público presente.

O XXIV Festival de Teatro Universitario presentará do 14 ao 21 de marzo no auditorio municipal Gustavo Freire da capital luguesa as creacións dramáticas de tres compañías teatrais, ademais doutros micro proxectos artísticos de formacións independentes xurdidas no eido universitario e de actores e actrices en formación, no marco dun certame de acceso gratuíto e organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo.

A compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por Paloma Lugilde, estrea este mércores a peza ‘WK, baseada en textos de Woyzech, obra inconclusa de Bchner, pero coa estética de Kantor. A formación teatral xurdida da Aula de Teatro da USC no campus lugués ofrecerá tamén dous pases de balde para o público estudantil. A primeira destas funcións específicas e para as que é preciso inscribirse será o 15 de marzo, a partir das 12.00 horas, mentres que a segunda será o día 19, pero xa en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas.

O XXIV Festival de Teatro Universitario de Lugo dedicará a xornada do luns 19 de marzo á presentación de micro proxectos artísticos. A formación teatral independente Krilajo, nada no campus de Lugo, abrirá ás 19.30 horas, a quenda de representacións programadas no vestíbulo do ‘ Gustavo Freire’ coa posta en escena da peza ‘Club de Lectura’. Os actores lugueses en formación e alumnos da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia Raquel Velasco e Cristian Fernández pecharán as intervencións coa presentación, respectivamente, de ‘Búsqueda’ e ‘Introspectiva’. Ao seu remate, a compañía USC-Lugo volverá a poñer e escena a obra ‘WK’.

A compañía de teatro USC-Santiago de Compostela presentará o 20 de marzo no XXIV Festival de Treatro Universitario de Lugo a obra ‘Pasar por Nida’, con dirección e dramaturxia de Roberto Salgueiro. Ao día seguinte, a Aula de Teatro Universitaria de Ourense Maricastaña representará, tamén a partir das 20.30 horas e no mesmo escenario, a obra ‘As ondas das pedras no río’, unha montaxe con dirixida por Fernando Acosta.

The contents of this page were updated on 03.13.2018.