A Universidade de Santiago lamenta o falecemento de Stephen Hawking, I Premio Fonseca
A Universidade de Santiago de Compostela manifesta o seu pesar polo falecemento do científico británico Stephen Hawking, que en 2008 recibiu o Premio Fonseca desta institución na súa primeira edición ao abeiro do programa ConCiencia. O xurado recoñecíalle "a súa excepcional mestría na popularización de conceptos complexos da Física no borde último da nosa comprensión do Universo, combinada coa máis alta excelencia científica".
Recoñecido polos seus traballos sobre os buracos negros no Universo e por ser un dos máis recoñecidos divulgadores da ciencia de todos os tempos, a USC e o Consorcio de Santiago entregáronlle o galardón nunha semana de setembro ateigada de actos por toda a cidade para os que Hawking tivo sempre a súa mellor dispoñibilidade. Desde a cerimonia de entrega nun acto aberto ao público no que pronunciou a conferencia ‘Saíndo dun burato negro’ ata a presentación dos libros La clave secreta del universo e de Brevísima historia del tiempo no Instituto Rosalía de Castro, pasando por un encontro con investigadores da USC na Facultade de Física, unha visita a Fiesterra ou unha multitudinaria comparecencia ante os medios de comunicación.
Stephen Hawking Nado en 1942 en Oxford, Hawking ocupaba dende os seus 37 anos a célebre cátedra Lucasiana de Matemáticas do Departamento de Matemática Aplicada e Física Teórica da Universidade de Cambridge que, fundada en 1663, pertencera a, entre outros, Isaac Newton e o premio Nobel de Física Paul Dirac.
Aos 21 anos foille diagnosticada unha Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) que lle dexenerou de xeito progresivo as células do sistema nervioso encargadas do movemento muscular voluntario, chegando a unha situación de parálise case absoluta na que só se podía comunicar a través da súa cadeira de rodas, cun sintetizador de voz incorporado que respondía aos movementos dunha das súas pálpebras.
Esta total incapacidade de movementos non impediu que o profesor Hawking desenvolvese unha actividade ao máximo nivel científico no eido da Física Teórica pola que recibiu os máis prestixiosos recoñecementos. As súas principais achegas centráronse na análise de buracos negros e na Teoría da Relatividade Xeral de Einstein, na que se enmarca o seu traballo sobre o espazo-tempo que deu sustento matemático á teoría do Big-Bang.
Stephen Hawking destaca tamén polo seu relevante labor de divulgación científica. O seu libro A Brief History of Time (Unha breve historia do tempo) foi un best-seller mundial con máis de dez millóns de exemplares vendidos.