Skip to main content

Tres investigadores da USC obteñen bolsas Fulbright para realizar estadías de investigación en Estados Unidos

De esquerda a dereita, Carlos Ferrás Sexto, José Manuel Miranda López e Alberto Ruano Raviña. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Carlos Ferrás Sexto, José Manuel Miranda López e Alberto Ruano Raviña. FOTO: Santi Alvite
Carlos Ferrás Sexto, José Manuel Miranda López e Alberto Ruano Raviña integran a listaxe de 45 solicitantes que obtiveron unha cualificación igual ou superior a 80 puntos no proceso de avaliación, de entre preto de medio milleiro de candidaturas
Lugo, Santiago de Compostela

Os profesores da USC Carlos Ferrás Sexto, José Manuel Miranda López e Alberto Ruano Raviña acaban de obter tres bolsas Fulbright que lles permitirán desenvolver estadías de investigación en Estados Unidos. Esta convocatoria altamente competitiva enmárcase dentro do Programa de estadías de mobilidade de profesorado e persoal investigador español en centros estranxeiros do Ministerio de Universidades e en colaboración coa Comisión Fulbright.

De entre todas as solicitudes, a comisión de avaliación seleccionou preto de medio milleiro de candidaturas coa puntuación mínima esixida. Só 45 solicitantes obtiveron unha cualificación igual ou superior a 80 puntos no proceso de avaliación. Finalmente, as persoas seleccionadas foron convocados a unha entrevista con expertos e representantes da Comisión para aclarar aspectos relativos ao contido científico-técnico do proxecto.

Liñas de investigación

O profesor Carlos Ferrás desenvolverá unha estadía na Universidade de Berkeley na que profundará no eido da psicoxeografía. En concreto, o profesor Ferrás afondará na elaboración de mapas de estados de ánimo a partir das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Ferrás que visitará Berkeley por terceira vez considera que esta concesión constitúe “unha oportunidade para traballar con centros de investigación de prestixio” no marco dun proxecto que leva desenvolvendo dende o ano 2016 e co que agarda “expandir a utilidade” desta liña de investigación. Ferrás Sexto pertence á área de Xeografía Humana da USC.

Pola súa parte, a Universidade de Cornell acollerá durante tres meses ao profesor Manuel Miranda López da área de Nutrición e Bromatoloxía. O obxectivo da estadía é a aprendizaxe acerca da caracterización molecular de virus con potencial  zoonótico. “Actualmente eles traballan fundamentalmente no estudo do virus  Nipah, pero manifestáronme o seu interese por estender a súa actividade a virus con potencial de influír sobre bacterias potencialmente implicadas no desenvolvemento de  enfermidades  metabólicas no ser humano”, explica o profesor Miranda.

Finalmente, Alberto Ruano visitará a  Universidad de Brown para “realizar investigacións sobre o radon residencial relacionadas coa Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica”, explica. Xa en 2015, Ruano logrou a concesión doutra Fulbright que lle permitiu pasar  tres meses na escola de Saúde Pública da Universidade de Brown, en Providence. Durante a súa estadía profundou nunha liña xa iniciada previamente por el na Escola de Saúde Pública de Harvard, en 2006, sobre o efecto molecular do radon residencial e como a exposición a este carcinóxeno humano pode producir cancro de pulmón. Ruano é catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública.

Pioneiro no intercambio científico

O Programa Fulbright creado en 1946, facilita na actualidade intercambios entre cidadáns de EE.UU e de máis de 160 países co obxectivo de incrementar o entendemento mutuo entre os Estados. Pioneiro no intercambio educativo, científico e cultural, máis de setenta anos despois segue sendo referencia internacional grazas aos máis de 390.000 participantes que o dotaron de recoñecemento a nivel internacional. Este Programa recibiu en 2014 o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional.

The contents of this page were updated on 05.05.2022.