Skip to main content

‘Retorna ao rural’ ofrece 25 bolsas de prácticas para alumnado do Campus Terra en empresas e entidades galegas

Vista aérea do Campus de Lugo da USC
Vista aérea do Campus de Lugo da USC
Os estudantes dos dous últimos cursos de seis graos impartidos nas facultades de Ciencias e Veterinaria, así como na EPS de Enxeñaría poden solicitar ata o 31 de maio a través do Rexistro electrónico da USC as axudas para realizar estadías formativas de entre 1 e 3 meses de duración que poderán ser recoñecidas por ata 13 créditos ECTS
Lugo

A USC ofrece 25 bolsas de prácticas en 41 empresas e entidades asentadas en localizacións rurais de Galicia a estudantes matriculados en calquera dos dous últimos cursos dos graos en Veterinaria, Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Nutrición Humana e Dietética, Enxeñería Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, e no dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, a través do programa formativo extracurricular ‘Retorna ao rural co Campus Terra’, financiado ao abeiro do convenio asinado entre a USC e a Consellería de Cultura, Educación e Universidades para o campus de especialización localizado na sede universitaria luguesa.

O alumnado das facultades de Ciencias e de Veterinaria, así como os estudantes matriculados nos títulos de grao impartidos na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría incluídos nesta convocatoria de prácticas extracurriculares poden solicitar xa as estadías formativas en empresas e entidades localizadas en áreas rurais de Galicia ata o 31 de maio, tal e como se recolle nas bases deste programa. A tramitación destas bolsas, cuxo período de duración se prolongará entre 1 e 3 meses, pode realizarse a través do Rexistro electrónico da USC.

As bolsas do programa Retorna ao Rural co Campus Terra son remuneradas e compatibles con outras axudas ao estudo do Ministerio de Educación e Formación Profesional e da Xunta de Galicia, ao tempo que contemplan un amplo abano de actividades formativas que se desenvolverán entre os meses de xuño e setembro, a fin de resultar compatibles coas obrigas académicas do alumnado beneficiario. A xornada laboral dos bolseiros e bolseiras será de 25 horas semanais. Unha vez rematada a estadía, o estudantado do Campus Terra da USC poderá solicitar o recoñecemento de ata un máximo de 13 créditos ECTS.

O alumnado de grao nas facultades de Ciencias, Veterinaria e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo interesados en participar neste programa de prácticas académicas extracurriculares poderán seleccionar un máximo de tres entidades ou empresas nas que completar a súa estadía formativa. A orde de prelación entre solicitantes virá determinada pola respectiva nota media que figure no expediente académico na USC, integrada polas cualificacións que correspondan ao curso 2020/2021, sempre que tales cualificacións consten en actas na data fin de prazo de presentación de solicitudes.

Unha vez resolta esta convocatoria e tras avaliar as solicitudes presentadas, a comisión de selección, que estará presidida polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, elaborará unha proposta de resolución cos candidatos seleccionados e a listaxe de agarda, por orde de puntuación. De seguido, publicarase no taboleiro electrónico da USC a relación de aspirantes admitidos e excluídos, coa causa da súa exclusión. As persoas solicitantes excluídas terán un prazo de 3 días para solucionar a causa ou causas que motivaron a súa exclusión, quedando definitivamente excluídas de non facelo.

The contents of this page were updated on 05.23.2022.