Skip to main content

Condución e consumo de drogas, a debate en Formación do Profesorado

Relatores participanes nas xornadas organizadas pola Fundación Galega contra o Narcotráfico
Relatores participanes nas xornadas organizadas pola Fundación Galega contra o Narcotráfico

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC e a Fundación Galega contra o Narcotráfico acolleu este xoves unha xornada informativa e de sensibilización orientada a alertar dos riscos que depara unir o consumo de drogas á condución.

A xornada, organizada como unha sesión de debate especialmente dirixida ao público universitario, aínda que aberta á participación de toda a poboación interesada pola temática contou como relatores con responsables da Dirección Xeral de Tráfico, Garda Civil e mesmo testemuñas de vítimas de sinistros de tráfico. Todos eles achegaron os seus respectivos testemuños, a través dos que trataron de informar e sensibilizar á poboación universitaria de Galicia sobre o grave perigo que supón o consumo de drogas unido á condución.

Os distintos relatores convidados abordaron ao longo da xornada diversos contidos relacionados coas consecuencias da condución de vehículos baixo os efectos do alcol ou doutras drogas, con especial atención ás derivacións desta problemática no ámbito sanitario e legal. Así, ademais de informar e sensibilizar sobre os graves perigos que supón a mestura de drogas e a condución de vehículos, os promotores deste foro monográfico tentaron activar un posicionamento activo entre a mocidade, concienciando aos condutores sobre a importancia de conducir dun modo responsable, a fin de evitar unha práctica de altísimo risco como o é conducir baixo os efectos das drogas.

Programa

A xefa provincial de Tráfico de Lugo, Paula Yubero Plazo, abriu a quenda de intervencións deste foro, que estivo moderado polo xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Fernando Alonso, cunha exposición sobre a análise de situación da DXT. De seguido, o tenente coronel e xefe do sector Tráfico de Galicia da Garda Civil, Javier Molano Martín, achegou a súa experiencia neste eido. A delegada en Galicia da Asociación Nacional de Lesionados Medulares e Grandes Discapacitados Físicos (Aspaym), Isabel Díaz García, pechou a quenda de exposicións co relato dun testemuño dunha vítima de accidente de tráfico.

Participantes nas xornadas sobre condución e consumo de drogas, en Formación do Profesorado

The contents of this page were updated on 03.15.2018.