Dous investigadores e unha alumna da USC recolleron os premios da Real Academia de Farmacia de Galicia
A científica da USC María Vivero López recolleu este mércores o VIII Premio Julián Francisco Suárez Freire para persoal investigador mozo que outorga a Real Academia de Farmacia de Galicia. No marco deste mesmo galardón, o tamén científico da USC Rubén Varela foi premiado cun accésit de excelencia. Ademais, o Premio Antonio Casares Rodríguez ao mellor expediente académico que finalizou os seus estudos do grao en Farmacia o pasado curso foi para a alumna da USC Iria Carro Méndez.
Impresión 3D de próteses auditivas
María Vivero López desenvolveu un estudo no que presenta un sistema de próteses auditivas, fabricadas mediante impresión 3D, que incorpora por primeira vez un sistema de liberación de antibióticos. O traballo veu a luz na revista Materials Science & Engineering C en 2021. A investigadora galardoada pertence ao Grupo I+D Farma da Facultade de Farmacia e ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), ademais de ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), no que tamén toma parte a USC. Ademais, colaboran no estudo investigadores do Departamento de Microbioloxía da Facultade de Bioloxía, do Centro de Investigacións Biolóxicas da USC (CIBUS) e da University College of London.
O VIII Premio Julián Francisco Suárez Freire para mozos e mozas investigadoras está patrocinado polas cooperativas farmacéuticas BIDAFARMA e COFANO. Diríxese a investigadores/as menores de 35 anos que publicasen durante o ano 2021 un traballo orixinal realizado nunha institución galega sobre un tema relacionado co medicamento dende as súas fases temperás de I+D ata a cadea de distribución. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 3. 000 euros.
Tratamento farmacolóxico do queratocono
O accésit de excelencia que, no marco deste mesmo galardón, serviu para distinguir a Rubén Varela Fernández, recoñece unha investigación interdisciplinaria para o tratamento farmacolóxico do queratocono —deformidade crónica da córnea—, como alternativa aos actuais métodos clínicos invasivos. O traballo publicouse o ano pasado na revista ACS Applied Interfaces and Materials. Varela Fernández pertence ao Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, así como ao grupo interdisciplinario en Tecnoloxía Farmacéutica, Inmunobioloxía parasitaria e Parasitose Hídricas (PARAQUASIL) e á Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS).
Mellor expediente
Finalmente, a alumna da USC Iria Carro Méndez foi recoñecida con 600 euros co gallo do Premio Antonio Casares Rodríguez ao mellor expediente académico que finalizou os seus estudos do grao en Farmacia o pasado curso.
Xurado e relatorio inaugural
Como xurado dos premios participaron, en representación da corporación os Académicos Mabel Loza (presidenta), José Castillo (secretario) e Ángel Carracedo (vogal), actuando tamén como vogais Santiago Maíz Cal en representación de BIDAFARMA e Manuel Muradás Otero en representación de COFANO.