Skip to main content

Estalmat-Galicia despediu a promoción de mozos e mozas que iniciaron a súa andaina en 2019

Foto de familia da promoción 2019. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia da promoción 2019. FOTO: Santi Alvite
A cerimonia de clausura serviu para facer entrega dos diplomas aos 25 estudantes que superaron unha proba de acceso á que se presentaron preto de medio milleiro de rapaces e rapazas
Santiago de Compostela

Os mozos e mozas que iniciaron en 2019 a súa andaina no programa de estímulo do talento matemático Estalmat-Galicia recibiron esta fin de semana os seus diplomas nunha cerimonia de clausura presidida pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández. Os membros desta promoción foron seleccionados o 8 de xuño de 2019 nunha proba que se desenvolveu na Facultade de Matemáticas e na que participaron un total de 426 estudantes de toda Galicia nacidos en 2006 e 2007. Os 25 estudantes seleccionados finalmente —8 rapazas e 17 rapaces— pertencen ás catro provincias galegas, sendo quince deles da Coruña, oito de Pontevedra, mentres que as provincias de Lugo e Ourense contan cun participante no programa, respectivamente.

Na primeira parte da xornada, a promoción e a súas familias, cunha representación do equipo docente e do comité organizador, visitaron as instalacións do CESGA para coñecer de primeira man o labor do centro. Xa na Facultade de Matemáticas, desenvolveuse a entrega de diplomas no transcurso dun acto no que ademais da vicerreitora, tamén participaron a decana do centro e presidenta de Estalmat-Galicia, Elena Vázquez Cendón; o presidente de Estalmat e académico da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, Manuel de León Rodríguez; e a coordinadora académica do programa, Sandra Díaz Mouro, quen se encargou de formular preguntas en tempo real a toda a promoción cunha aplicación a través dos móbiles dos e das estudantes.

No acto tamén interviñeron, en representación das familias, José Luis Alba González e Natividad Parada Pérez que en calidade de presidenta da Asociación Galega de Amigos de Estalmat (AGAES) procedeu a entregar os premios dos concursos de fotografía e da mascota de Estalmat-Galicia. En representación do estudantado da promoción, interviñeron Sergio Alba Vázquez e Pablo Soutullo Parada.

Máis de 300 talentos

No seo da promoción de 2019, destaca a comarca de Santiago de Compostela por  conseguir nove prazas das 25 totais. “Foi o primeiro ano que se deu unha concentración tan grande nunha soa vila de Galicia”, explica a profesora Vázquez Cendón. “Nos doce anos de implantación, ESTALMAT-Galicia ten examinado na Facultade a case 4.000 estudantes con grande interese polas matemáticas e ten seleccionado a 325 talentos matemáticos  para incorporar ás súas actividades”, conclúe.

O Proxecto Estalmat-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, e pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela xunto con profesorado doutras áreas da USC, e matemáticos/as das universidades de A Coruña e Vigo e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. Conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense. Neste curso contouse tamén co apoio da Axencia Galega de Innovación.

The contents of this page were updated on 05.16.2022.