Skip to main content

UniStem Day reune en Medicina 365 estudantes de secundaria no maior evento internacional de divulgación sobre células nai

Na xornada celebrada na Facultade de Medicina, participou alumnado de centros de Santiago e A Estrada. Foto: Servimav-USC
Na xornada celebrada na Facultade de Medicina, participou alumnado de centros de Santiago e A Estrada. Foto: Servimav-USC

365 estudantes e profesores de institutos de Compostela e A Estrada participaron este venres en Medicina da USC no evento internacional de divulgación sobre células nai máis importante de Europa, o UniStem Day. É unha xornada que se desenvolve de forma simultánea en 74 universidades e centros de investigación e 60 cidades de Alemaña, España, Hungría, Italia, Polonia, Serbia e Suecia, ás que este ano se suman Austria, Francia e Reino Unido. En todo o continente, a xornada reune un total de 30.000 estudantes. En España, ademais da USC participan outras nove universidades e centros de investigación pertencentes á Rede de Terapia Celular coordinados dende a Universitat de Barcelona.

O acto de inauguración comezou no Salón de Actos Novoa Santos da Facultade de Medicina presidido pola vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, coa presenza ademais do vicedecano deste centro José Martín Carreira Villamor e Jannette Rodríguez Pallares, do comité organizador da xornada e investigadora do Laboratorio Neurobioloxía da Enfermidade de Parkinson. O alumnado presenta na xornada procedía dos institutos Rosalía de Castro, Xelmirez I e II, Peleteiro, Compañía de María e Pontepedriña de Santiago e IES García Barros e Losada Diéguez da Estrada.

Ademais de conexións por videoconferencia coas universidades participantes, proxeccións audiovisuais ou xogos, o programa incluía unha serie de charlas impartidas por docentes e investigadores da USC que achegaron ao alumnado o valor e transcendencia do traballo realizado nos laboratorios arredor da comprensión das células nai coa finalidade de espertar o interese dos/as máis novos pola investigación e a ciencia. A partir dunha explicación sobre que son as células nai, mostrouse o estado actual da investigación neste eido e as posibilidades futuras de desenvolvemento, con especial atención ás súas aplicacións terapéuticas e cun capítulo sobre falsos mitos neste eido.

UniStem Day
UniStem Day é un evento organizado para estudantado de secundaria cuxa celebración comezou en 2009. Toma o seu nome do Centro de Investigación sobre Células Nai da Universidade de Milano fundado en 2006. Está dedicado exclusivamente á difusión e divulgación da investigación sobre células nai para fomentar a aprendizaxe, o descubrimento e o debate involucrando a estudantes e profesorado en diferentes actividades.

O programa da xornada presenta a investigación máis punteira, describe o traballo diario dos científicos e explora os mecanismos tras os avances científicos. O evento da Facultade de Medicina conta co patrocinio de Galmedic, Celta Ingenieros, Cientisol, Glass Chemical, Fisher Scientific, CiMUS, Editorial Elsevier, Santiago Futsal, Monbus Obradoiro, Domino’s Pizza e Gadis.

The contents of this page were updated on 03.16.2018.