Xornadas informativas sobre orientación académica, laboral e profesional para o alumnado de Formación do Profesorado
A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC organiza un ciclo de sesións informativas sobre orientación académica, laboral e profesional, a través do que pretende ofrecer ao seu estudantado dos graos en Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria as diferentes opcións que teñen por diante para incorporarse ao mercado laboral.
Este programa de accións informativas para o alumnado botará a andar este luns, a partir das 19.00 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, cunha sesión que se desenvolverá baixo o título ‘Acceso á función docente: un futuro profesional ao alcance” e na que intervirán como relatores profesionais especializados na formación de opositoras/es a maxisterio da académica Nós, e unha ex alumna da Facultade que é opositora.
Logo desta primeira acción informativa e de temática máis xeral, as oposicións ao corpo de mestres de educación primaria centrarán a charla programada para este martes 20 de marzo, a partir das 13.00 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Nesta ocasión, a sesión estará guiada por profesionais da academia de preparación de oposicións Premir.
A técnica da área de Orientación e Inserción Laboral da USC no Campus Terra, Gloria Cruz Amil, dará continuidade a este ciclo de relatorios o vindeiro 12 de abril, data na que esta relatora informará ao alumnado de Formación do Profesorado sobre o abano de opcións laborais, académicas e profesionais que se lle abren ao estudantado desta facultade unha vez que remata os seus estudos de grao.
Xa no mes de xuño, a Facultade de Formación do Profesorado de Lugo acubillará os días 6 e 12 cadansúa sesión informativa nas que se afondará sobre a natureza e as condicións das mencións do grao de Mestre en Educación Primaria. Nestas charlas, orientadas especialmente a alumnas e alumnos de terceiro e segundo curso, respectivamente, intervirán como relatores membros do equipo decanal e profesorado das diferentes mencións do grao.