Skip to main content

Campus Terra da USC, unha “opción de prestixio”

González y Bueno, no acto de recepción do alumnado de secundaria
González y Bueno, no acto de recepción do alumnado de secundaria
Máis de 460 estudantes de secundaria de 11 centros de ensino de Galicia coñecen a sede universitaria luguesa co programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’

Máis de 460 estudantes de ensino medio procedentes de 11 centros educativos das provincias de Lugo e da Coruña (CPI Tino Grandío, de Guntín; IES Monte Castelo, de Burela; IES de Becerreá; IES Ánxel Fole; IES Lucus Augusti, de Lugo; IES Gregorio Fernández, de Sarria; IES Xograr Afonso XII, de Sarria; CPR Divina Pastora-Salesianos, de Lugo; IES San Rosendo, de Mondoñedo; IES Fontem Albei, da Fonsagrada, e CPI Armando Cotarelo Valledor, de Boimorto) visitaron este venres os distintos centros da sede universitaria luguesa, a través do programa Encontros no Campus Terra de Lugo, unha xornada orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos deste campus da USC a estudantes preuniversitarios, organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador do programa ‘A Ponte’ nesta sede universitaria, Francisco Javier López, foron os encargados de dar a benvida ao estudantado preuniversitario nun acto desenvolvido no auditorio da Facultade de Veterinaria, onde Bueno e López, logo de recomendar o Campus Terra como “opción universitaria intelixente e de calidade acreditada polo prestixio do que goza a USC”, fixeron unha presentación xenérica do campus. De seguido, varios estudantes universitarios ofreceron aos asistentes a súas particulares visións do Campus Terra e relataron algunhas das experiencias vividas no seu periplo como estudantes da USC.

Bueno destacou na súa intervención as múltiples oportunidades e as vantaxes que ofrece ao estudantado o Campus Terra da USC, a cuarta sede universitaria galega cunha maior taxa de alumnado internacional (arredor do 16% do novo estudantado) o que constitúe unha “convivencia enriquecedora”. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo apuntou tamén algún dos obxectivos que pretende a USC para a súa sede luguesa a través do proxecto de especialización Campus Terra, ao tempo que destacou o selo de calidade que implican os títulos universitarios expedidos pola USC, “unha universidade que persigue a excelencia”.

Unha vez rematada esta sesión, os estudantes, distribuídos en grupos en función das súas preferencias formativas e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros.

O obxectivo desta xornada, segundo explicou Francisco Javier López, é o de dar a coñecer ao alumnado preuniversitario a oferta académica e de servizos que presenta a USC en Lugo, “un campus moderno”, dixo. O coordinador en Lugo do programa ‘A Ponte’ adiantou asemade que esta nova edición dos ‘Encontros no Campus Terra de Lugo rematarán o 24 de abril con outra xornada de achegamento ao estudantado preuniversitario na que se agarda a participación de preto de 350 alumnos/as de ensino medio procedentes doutros sete centros educativos.

Bueno, na presentación do Campus Terra ao alumnado de secundaria

The contents of this page were updated on 03.23.2018.