Skip to main content

'Petiscos de ciencia' premia vídeos sobre fotoluminiscencia e química de María Celeiro, Aly Castillo e Laura Rubio

Premiados e participantes no concurso de vídeos 'Petiscos de ciencia'
Premiados e participantes no concurso de vídeos 'Petiscos de ciencia'
O concurso universitario de vídeos sobre ciencia en galego convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC tamén distingue con 500 e 250 euros respectivamente, as propostas audiovisuais presentadas por estudantes de Bacharelato e ESO no IES Adormideras, de A Coruña, e no IES Xelmírez, de Santiago
Lugo, Santiago de Compostela

A investigadora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC María Celeiro Montero gaña o primeiro premio do I Concurso universitario de vídeos sobre ciencia en galega, un galardón convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC dotado cunha gratificación económica de 500 euros, co audiovisual ‘O fenómeno da fotoluminiscencia’. Os seus compañeiros de departamento universitario Aly Jesús Castillo Zamora e Laura Rubio Lareu acadaron o segundo premio desta modalidade da convocatoria, dotado con 250 euros, co traballo ‘Qué che ensinou a Química?’.

Os premios contemplados na modalidde deste certame audiovisual a prol da difusión do labor científico en lingua galega aberta a alumnado de ESO E Bacharelato e dotados con idéntica contías económicas recaeron en estudantes do IES Plurilingüe Adormideras, de A Coruña, e do Ies Xelmírez, de Santiago de Compostela. Así, o vídeo titulado ‘O Saturnismo’, elaborado por Irene González Calvo e Raquel González Calvo, baixo a coordinación de María José Mato Castro, do IES Plurilingüe Adormideras, acadou o primeiro premio, mentres que o xurado distinguiu co segundo a proposta audiovisual ‘Falemos de curvas. A catenaria’, un vídeo presentado por Manuel Villaverde Framil e coordinado por Manuel Vázquez Mourazos.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga, presidiu este venres a cerimonia de entrega de premios no salón de actos José Rodríguez Mourelo da Facultade de Ciencias, no marco dunha sesión na que o catedrático de Química Física da USC José Vázquez Tato ofreceu o relatorio ‘A comunicación na ciencia’, no que alentou ao estudantado preuniversitario presente iniciarse na aventura científica a través da súa realidade cotiá e, especialmente, a través da lectura.

A decana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo, que actuou como presidenta do xurado encargado de determinar as propostas gañadoras entre os 45 vídeos presentados a concurso, salientaron a alta calidade dos traballos, o que propiciou, subliñaron, o recoñecemento de varios finalistas. Así, na categoría B, dirixida a estudantes e investigadores universitarios, acadaron esta mención os vídeos ‘A Calixe Seca e o Medio Ambiente’, de Cristina Correa Segade; ‘Fotosíntese artificial: unha solución á problemática enerxética actual’, de María Moreno Pérez, e ‘A riqueza das charcas intermareais da Ría de Vigo’, obra de Antía Lago Besada.

As creacións audiovisuais presentadas por estudante do IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda ‘Teleciencia: Isomerías espaciais’, obra de Noelia García Liñares e Eugenia Saavedra Guerra, coordinadas pola profesora Marta Elena Aguirre Fernández, e ‘Lei dos gases’, cuxa autoría corresponde a Rosalía Agra Otero, coordinada por Begoña González Cuñarro, tamén mereceron a condición de finalistas da primeira edición deste certame, do mesmo xeito que o vídeo ‘Banco de sementes’, feito polos alumnos do IES de Becerreá de Higinio Rodríguez Cedrón, Anne Rodríguez Orol e Noelia Santín Fernández, baixo a coordinación da profesora María Isabel Pérez Postigo.
 

The contents of this page were updated on 05.20.2022.