Skip to main content

Un equipo da USC deseña unha nova estratexia inmuno-terapéutica na loita contra o cancro

De esquerda a dereita: Xerardo García Mera, Rubén Prieto, María Majellaro, Mabel Loza, Eddy Sotelo, e José Manuel Brea
De esquerda a dereita: Xerardo García Mera, Rubén Prieto, María Majellaro, Mabel Loza, Eddy Sotelo, e José Manuel Brea
O estudo liderado dende o CiQUS demostra que o bloqueo de receptores A2B de adenosina permite reactivar o sistema inmunitario devolvéndolle a súa efectividade na loita fronte a tumores

Un equipo investigador da USC acaba de publicar un estudo que abre unha nova vía inmuno-terapéutica na loita contra o cancro. O traballo internacional, liderado polo investigador principal do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) Eddy Sotelo e Andreas Lundqvist do Karolinska Institutet de Suecia, conta ademais coa participación de persoal investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Facultade de Farmacia compostelá, e da Universidade sueca de Uppsala. Publicado na prestixiosa revista Journal for Immunotherapy of Cancer, o estudo demostra que o bloqueo de receptores A2B de adenosina permite reactivar o sistema inmunitario devolvéndolle a súa efectividade na loita fronte a tumores.

O traballo demostrou o notable efecto inmunosupresor que xoga o receptor A2B de adenosina no microambiente tumoral, así como os beneficios derivados do seu bloqueo no contexto da  inmunoterapia do cancro. O tratamento cos novos fármacos reduce a supresión das células do sistema  inmunolóxico no microambiente tumoral e incrementa a infiltración dos linfocitos no tecido, cunha importante remisión do tumor.

Novos fármacos

O traballo tamén desvelou o potente efecto anticanceríxeno de dúas familias de fármacos desenvolvidos na USC, o que abre a porta a innovadores tratamentos. A  inmunoterapia do cancro, baseada na reactivación do sistema inmunitario do paciente para combatelo, constitúe unha das estratexias terapéuticas máis efectivas e disruptivas. Para neutralizar o bloqueo do sistema inmunitario inducido polas células canceríxenas, utilízanse anticorpos monoclonais, proteínas artificiais que actúan como anticorpos humanos, os cales teñen unha complexa produción e elevados custos, o que dificulta o seu uso extensivo. Neste sentido, o desenvolvemento de fármacos capaces de actuar como estes anticorpos constitúe unha estratexia nova que abre a porta a tratamentos innovadores e combinacións  sinérxicas.

O estudo levouse a cabo por varios equipos a nivel mundial. Alén de Eddy Sotelo, para este proxecto uníronse investigadores da USC no CiQUS, CiMUS —a través do grupo BioFarma que dirixe Mabel Loza—, e da Facultade de Farmacia da USC como é o caso de Xerardo  García Mera. Ademais, a alianza tamén contou con investigadores do  Karolinska  Institutet, da Universidade de  Uppsala e da Universidade Tecnolóxica de Singapur.

 

The contents of this page were updated on 05.23.2022.