Skip to main content

O mexillón atopa no salmón o anfitrión ideal no que hospedarse para garantir a súa supervivencia nos ríos galegos

Imaxe de mexillón de río captada polo grupo de investigación Conservación de Peixes e Moluscos (CoPeMol) da USC
Imaxe de mexillón de río captada polo grupo de investigación Conservación de Peixes e Moluscos (CoPeMol) da USC
Pedro A. Castrillo desvela os segredos da “íntima relación parasitaria entre o mexillón de río ‘Margaritifera margaritifera’ e o salmón atlántico na tese de doutoramento desenvolvida na Facultade de Veterinaria baixo a dirección dos investigadores do grupo de Anatomía Patoloxía e Veterinaria (Gapavet) Maribel Quiroga e Roberto Bermúdez, e de Paz Ondina, do grupo de Conservación de Peixes e Moluscos (CoPeMol) da USC
Lugo

O mexillón de río semella ter atopado no salmón atlántico o anfitrión ideal para garantir a súa supervivencia nos ríos galegos, segundo revela a tese de doutoramento desenvolvida na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC por Pedro A. Castrillo Arias baixo a dirección dos profesores Maribel Quiroga e Roberto Bermúdez, do grupo de investigación de Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet) e Paz Ondina Navarret, do grupo de investigación Conservación de Peixes e Moluscos (CoPeMol). Esta investigación, promovida co obxectivo de achegar novas solucións para o cultivo dunha especie de mexillón de río que está en perigo de extinción, permitiu caracterizar a interacción parasitaria entre as larvas do molusco en cuestión e o salmón atlántico como hóspede, ademais de resultar de axuda para comprender esta fase larvaria e para analizar o efecto desta parasitaxe sobre a saúde do salmón.

Os mexillóns de río son verdadeiros enxeñeiros do ecosistema e teñen demostrada unha  capacidade de filtración de até 40 litros de auga ao día. Aínda así, están considerados como un dos grupos zoolóxicos máis ameazados do planeta. De feito, o Margaritifera margaritifera está catalogada como unha especie en perigo extinción. Daquela, para evitar a desaparición desta especie chave no medio fluvial, unha das últimas accións de conservación desenvolvidas céntrase na obtención de xuvenís viables para reforzar as poboacións en declive, o que obriga ao manexo en catividade do seu complexo ciclo vital. Neste proceso, as larvas, denominadas gloquidios, necesitan ancorarse ás branquias dun salmónido ata que, tras unha complexa metamorfose, despréndense como mexillóns xuvenís. Por iso faise necesario inducir a fase parasitaria en peixes que ofrecen hospedaxe como é o caso do salmón atlántico.

Este tipo de procesos desenvólvense en estacións de cultivo especializadas, como a que se atopa no Centro Ictioxénico de O Veral, en Lugo. Dentro desta actuación importante para a recuperación da especie, os resultados da tese presentada por Pedro A Castrillo proporcionan avances significativos para coñecer as lesións que sofren os peixes afectados pola gloquidiosis, destacando por primeira vez como os pequenos salmóns recupéranse das lesións causadas en menos dun mes tras a parasitación. De forma simultánea, o emprego de técnicas de microscopía permitiu a descrición dos profundos cambios morfolóxicos que sofren as larvas durante este parasitismo, adquirindo un estadio intermedio con estruturas únicas non descritas anteriormente.

Nunha fase posterior, estas larvas sofren unha metamorfose a post-larva e despréndense das branquias coma se dunha pinga se tratara, minimizando o dano branquial. Así, a integración do cadro morfopatolóxico da gloquidiosis xunto ao desenvolvemento de gloquidio, a post-larva serve para optimizar tanto a produción de mexillóns xuvenís como preservar a saúde dos peixes. Estes resultados contribúen a unha maior comprensión da patoxenia da enfermidade que pode axudar a xestionar as fases parasitas durante o cultivo dos mexillóns de río, uns pequenos animais con gran importancia nos nosos ecosistemas fluviais.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento estivo constituído polo presidente Amílcar Teixeira, do Polytechnic Institute of Bragança. Antonio Rodríguez-Bertos, da Universidade Complutense de Madrid, e Ana Losada, profesora da USC, completaron a formación dun comité conformado por expertos/as de recoñecido prestixio no ámbito da ictiopatoloxía e a conservación de ecosistemas acuáticos que outorgou a esta investigación a máxima cualificación de sobresaínte cum laude. Pedro A. Castrillo Arias, que desenvolveu a súa investigación de doutoramento no marco do programa interuniversitario ‘Marine Science, Technology and Management’ (DoMar) e acadou tamén a mención internacional do título de doutor.

De esquerda a dereita, Maribel Quiroga, Paz Ondina,  Pedro A. Castrillo e Roberto Bermúdez, na Casa do Saber
De esquerda a dereita, Maribel Quiroga, Paz Ondina, Pedro A. Castrillo e Roberto Bermúdez, na Casa do Saber
Larvas de Margaritifera margaritifera ancoradas nas branquias dun salmónido
Larvas de Margaritifera margaritifera ancoradas nas branquias dun salmónido
The contents of this page were updated on 05.24.2022.