Skip to main content

Unha investigación identifica en Galicia cinco rexións de apelidos que se aproximan ás divisións eclesiásticas

Distribución dos apelidos máis frecuentes en Galicia
Distribución dos apelidos máis frecuentes en Galicia
A tese de doutoramento de María José Ginzo Villamayor aborda os patróns que se observan na distribución dos apelidos e que son consecuencia das “relacións estreitas e duradeiras no tempo entre os e as poboadoras que habitaban estas áreas”
Santiago de Compostela

A análise dos patróns que se observan na distribución dos apelidos ao longo dun territorio proporciona datos sobre movementos e características das poboacións. Baixo esta premisa, unha investigación da USC acaba de constatar que Galicia atópase dividida en cinco sectores segundo a “rexionalización dos apelidos”. Así o afirma na súa tese de doutoramento a investigadora María José Ginzo Villamayor, quen ademais constata que estes cinco grupos aproxímanse ás divisións eclesiásticas ou dioceses nas que tamén se divide a comunidade autónoma.

“As semellanzas entre a estrutura de poboación identificada no estudo dos apelidos e estas divisións eclesiásticas deben ser interpretadas en detalle polos historiadores e demógrafos”, matiza Ginzo Villamayor. “Coa súa axuda poderase confirmar se a coincidencia na organización territorial destes dous tipos de información están relacionados con condicionantes históricos antigos”, engade. Con todo, a investigación evidencia que as rexións de apelidos descubertas son consecuencia de “relacións estreitas e duradeiras no tempo entre os poboadores que habitaban estas áreas”, sinala a investigadora.

Esta tese céntrase na introdución de novas técnicas estatísticas para o tratamento de datos e modelización en xeolingüística, concretamente, en datos de onomástica en Galicia. De xeito máis específico, a tese atinxe dous problemas principais: dunha banda, a construción de rexións de apelidos en Galicia; e doutra, o estudo e modelización de patróns espaciais e espazo-temporais dos apelidos. “Os apelidos poden ser utilizados como unha fonte de información para caracterizar a poboación dunha rexión”, explica a investigadora. A identificación de patróns de apelidos a través de medidas de isonimia é un problema que ten sido abordado por diferentes autores, constituíndo esta investigación da USC unha nova achega metodolóxica na que se botou man de datos  obtidos do censo e cedidos polo Instituto Galego de Estatística.

A isonimia ou relación de igualdade que hai entre o significado de dúas ou máis palabras ou enunciados, está moi vinculada co concepto de diversidade en ecoloxía. Deste xeito, grandes valores de isonimia indican menor diversidade de apelidos —é o caso do sur de Lugo e da provincia de Ourense, dominadas principalmente por apelidos de tipo patronímicos, aqueles que designan ascendencia, filiación ou linaxe—,  mentres que valores pequenos de isonimia implican maior diversidade —provincias da Coruña e Pontevedra, con gran presenza de apelidos toponímicos e apelativos—.

Asturias

A análise tamén profundou no caso asturiano a partir  da información cedida pola Sociedade Asturiana de Estudios Económicos e Industriais. Así, a partir do estudo comparativo dos datos onomásticos e os datos lingüísticos, concluíuse que a rexionalización de apelidos en Asturias desemboca en catro rexións onomásticas, similares ás áreas dialectais tradicionalmente recoñecidas no dominio asturiano. Estes resultados viron a luz nun artigo na revista Journal of Linguistic Geography, do que tamén é coautor o investigador do Instituto da Lingua Galega, Xulio Sousa Fernández. Algo similar sucede no caso do catalán, na rexión formada polas comunidade autónomas de Cataluña, Comunidade Valenciana e Illas Baleares. “Noutros países, outros autores teñen chegado a conclusións semellantes entre estrutura de apelidos e variedades lingüísticas, non ocorre así no caso do galego”, matiza Ginzo Villamayor.

Novas técnicas

Tendo en conta que as medidas tradicionais xorden como adaptación de índices de biodiversidade clásicos, un primeiro obxectivo desta tese foi a adaptación e proposta de novas técnicas de medidas de biodiversidade ao contexto da onomástica. Realizáronse as adaptacións precisas, estudando mediante simulación o seu comportamento en distintos escenarios. “Revisáronse ademais outros índices de biodiversidade para avaliar a súa posible adaptación ao noso contexto de estudo”, explica a investigadora.

Nesta tese tamén se fai unha clasificación dos apelidos, empregando técnicas de web-scraping, rastreando dicionarios oficiais da lingua galega, española e portuguesa. A lingüística considera diferentes clasificacións dos apelidos en función da súa motivación, morfoloxía ou semántica. No marco desta tese, fixéronse estudos de migración acometendo os comportamentos dos apelidos e tivéronse en conta os fenómenos de urbanización en Galicia arredor dos anos 60-65 do pasado século.

“As investigacións desenvolvidas no campo da onomástica, ata a data, non teñen en conta a dimensión espacial e espazo-temporal da evolución dos apelidos”, sinala a investigadora. Fixando rexións administrativas, como por exemplo, concellos, pode facerse uso de métodos espaciais e espazo-temporais para a análise de datos de cálculo que permitan modelar o patrón subxacente á evolución dos apelidos. Con este obxectivo, faise uso de métodos de modelización xerárquica, empregados na epidemioloxía.

A tese titulada Técnicas estatísticas en xeolingüística. Modelización onomástica, dirixida pola profesora Rosa Crujeiras Casais, obtivo a cualificación de Sobresaínte Cum Laude. O tribunal estivo composto por Ana Pérez González da UVigo, Francisco Xosé Dubert García da USC e Raquel Menezes Mota Leite da Universidade do Minho.

María José Ginzo, no centro da imaxe, xunto coa súa directora de tese e tribunal avaliador
María José Ginzo, no centro da imaxe, xunto coa súa directora de tese e tribunal avaliador
The contents of this page were updated on 05.30.2022.