Skip to main content

Dous proxectos da USC premiados pola Real Academia Galega de Ciencias como casos de éxito de implantación e transferencia de tecnoloxía

Estes premios están convocados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en colaboración coa Axencia Galega de Innovaciómn (GAIN). Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Estes premios están convocados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en colaboración coa Axencia Galega de Innovaciómn (GAIN). Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Foron recoñecidos na oitava convocatoria dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2022, dotados con 6.000 euros en cada unha tres convocatorias
Santiago de Compostela

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2022 acaban de recoñecer na súa oitava edición ao grupo de Descubrimento e Síntese de Fármacos do Centro de investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e da Facultade de Farmacia e á spin-off BFlow SL, xurdida dunha colaboración entre grupos das Facultades de Óptica e Optometría e de Física. Estes premios están convocados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en colaboración coa Axencia Galega de Innovaciómn (GAIN) para recoñecer traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía.

Desenvolvemento de fármacos

Eddy Sotelo, Javier Sardina, Mabel Loza e José Brea, impulsores da empresa Celtarys Research, son os responsables do proxecto ‘Ligandos fluorescentes como alternativa ao uso da radioactividade na industria farmacéutica’, recoñecido nesta convocatoria co premio ‘Fernando Calvet Prats’ a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación. Dentro do grupo de Descubrimento e Síntese de Fármacos do CiQUS e da facultade de Farmacia da USC, a proposta premiada explota unha novidosa tecnoloxía ideada para o desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para a industria farmacéutica, como alternativa ao uso da radioactividade nas fases temperás de descubrimento de fármacos.

A radioactividade úsase de xeito masivo e cotiá nas etapas pre-clínicas de descubrimento de fármacos para avaliar millóns de compostos, co obxectivo de identificar os novos candidatos a fármacos. Nos últimos anos, debido aos estritos requisitos de seguridade asociados ao uso da radioactividade, os seus elevados custos e o impacto ambiental, popularizouse o uso de ensaios biolóxicos baseados na fluorescencia. Pero o seu uso segue a ser baixo debido á limitada dispoñibilidade de ligandos fluorescentes.

A tecnoloxía desenvolvida pola USC permite que as técnicas baseadas na fluorescencia sexan unha opción real, obtendo sondas fluorescentes con propiedades farmacodinámicas e foto-físicas óptimas en tempos relativamente curtos e a prezos competitivos. Fronte aos ligandos radioactivos, os fluorescentes son totalmente seguros e non tóxicos. Este tipo de servizo non o ofrece ningunha outra empresa do sector; ademais de que o equipo xa dispón unha patente europea, en proceso de extensión internacional. Durante o seu primeiro ano de vida, Celtarys consolidouse como a única compañía europea dedicada en exclusiva ao desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para screening de fármacos, con clientes en Suíza, Reino Unido, EEUU ou Corea.

BFlow

Pola outra banda, a RAGC concedeu o premio ‘Ricardo Bescansa Martínez’ a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida á spin-off  BFlow SL . Nacida en maio de 2020, esta sociedade é froito da colaboración entre grupos de investigación das facultades de Óptica e Optometría e de Física da USC e da Fundación de Investigacións Sanitarias de Santiago (FIDIS) para optimizar o proceso de descubrimento de moléculas e fármacos grazas á aplicación da tecnoloxía microfluídica máis avanzada.

A empresa conta cunha tecnoloxía punteira que se está a enriquecer co desenvolvemento de proxectos de I+D propios e en colaboración con entidades de referencia complementarias, que permite unha gama de produtos especificamente adaptados ás necesidades da industria farmacéutica a escala internacional. Ofrece solucións a medida de maneira rápida e cun custo reducido en comparación con outras técnicas.

Os dispositivos e solucións microfluídicas desenvolviddas pola empresa permiten probar os fármacos en fases in vitro imitando a fisioloxía dos animais, discriminando nunha etapa temperá aquelas moléculas que non funcionarán cando se levan ás fases clínicas. Esta tecnoloxía dará solución tamén aos retos actuais de detección de pequenas concentracións de substancias en tempo real nos sectores da ecoloxía, enerxía e agroalimentario.

Os premios

Esta convocatoria contempla un total de tres categorías, que se completan co premio ‘Francisco Guitián Ojea’ outorgado nun proxecto liderado por investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da UDC.

O xurado estivo composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, que actuou como presidenta do xurado; e os vogais, Alicia Estévez, vicepresidenta da RAGC; Fernando Pérez, responsable de Publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerceu como secretario do xurado; María José Mariño e Elena Polo, de GAIN; Judit Nogueiras do IGAPE; e Luis Alfonso Álvarez da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Os tres traballos distinguidos recibirán un premio de 6.000 euros cada un e un diploma acreditativo. Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará o 15 de xuño, ás 19.00 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

The contents of this page were updated on 06.03.2022.