Skip to main content

López Romalde reivindica “diálogo e confianza” na súa toma de posesión como novo decano de Bioloxía

Jesús López Romalde nun laboratorio de Bioloxía. FOTO: Santi Alvite
Jesús López Romalde nun laboratorio de Bioloxía. FOTO: Santi Alvite
O profesor aposta por abrir “vías de manifestación de opinión, garantindo a accesibilidade, a participación, a igualdade e a inclusión”
Santiago de Compostela

“Atender as necesidades dos diferentes colectivos, abrindo vías de manifestación de opinión” é unha das principais metas que o profesor Jesús López Romalde pretende acometer á fronte do decanato de Bioloxía. Así o manifestou no acto de toma de posesión que tivo lugar este venres, presidido polo reitor Antonio López, e no que a decana saínte, Teresa Mª Taboada Rodríguez, aproveitou para realizar un discurso de agradecemento á comunidade do centro.

Antonio López salientou que a Facultade de Bioloxía posúe “un proxecto docente ben definido” e, por suposto, aberto á reflexión permanente. O reitor lembrou que as altas notas de corte, así como a cobertura do 100% das prazas subliñan a valoración positiva que ten este centro da USC. Unha boa saúde que tamén se reflicte no eido científico, sinalou, cuns 70 investigadores e investigadoras vinculados ao centro.

O reitor aproveitou a ocasión para referirse á recentemente aprobada reforma laboral, definíndoa como unha oportunidade no relativo á xestión do capital humano. Neste senso, destacou que polo número de persoal investigador, a USC é unha das de maior potencial do Estado e esta reforma conforma unha oportunidade de ordenación que pasa pola creación de novas estruturas de investigación que vaian máis alá dos grupos. Finalmente, o reitor tamén se referiu ao Polo Biotecnolóxico Sionlla Biotech, como unha peza clave pola súa proxección no relativo á conexión coa sociedade.

“Boa saúde”

Logo da lectura por parte da secretaria xeral, Dulce García Mella, do nomeamento do novo decano, o profesor López Romalde iniciou a súa intervención. Garantir a “accesibilidade, a participación, a igualdade e a inclusión” serán os eixos que vertebrarán o mandato deste novo equipo de goberno. “É o noso compromiso, unha xestión baseada no diálogo, a confianza e a responsabilidade compartida”, afirmou o profesor Romalde.

O novo decano comezou o seu discurso lembrando “os anos moi duros da pandemia” para despois poñer o foco nos retos de futuro e, nomeadamente, no relevo xeracional. “Dende a facultade prestaremos todo o noso apoio aos departamentos e áreas de coñecemento na incorporación e atracción de novo persoal, xa que redundará nunha mellora do rendemento docente e investigador e, como consecuencia, nunha mellor formación para o noso alumnado”, afirmou para deterse tamén na necesidade de mellorar as condicións dos diferentes colectivos que integran o centro.

“Creo sinceramente que a Bioloxía en Galicia goza de moi boa saúde”, subliñou o novo decano, quen tamén anunciou a súa vontade de “levar a cabo unha avaliación seria da oferta docente do centro” en relación coas “necesidades do mercado laboral”.  “Trataremos tamén de fomentar e promover de maneira proactiva a internacionalización e intercambio de estudantado”, dixo.

Fomentar o establecemento de sinerxías entre o persoal investigador asociado ao centro, así como co mundo empresarial para mellorar a formación académica do alumnado e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral foron outros dos aspectos nos que profundou o profesor Romalde. “Manter unha educación de calidade en graos e mestrados e un nivel importante de investigación, desenvolvemento e innovación, son a nosa única garantía de futuro”, dixo.

Agradecemento

Pola súa parte,  a profesora Taboada fixo un breve percorrido polos principais fitos da vida da facultade e quixo ter, ademais, un recoñecemento co seu antecesor, o profesor Antonio Segura. A decana saínte agradeceu a colaboración de todos os colectivos do centro por implicarse na toma de decisións, tanto nos bos, como nos malos momentos, dixo.

Novo equipo de goberno

Otilia Reyes Ferreira da área de Ecoloxía e Francisco Javier Salgado Castro da área de Bioquímica acompañarán a Romalde como vicedecanos. Ademais, Román Vilas Peteiro da área de Xenética actuará como secretario da Facultade.

The contents of this page were updated on 06.03.2022.