Skip to main content

O talento do Campus de Lugo brilla na III Maker Faire Galicia con ‘Peral Project’

Elvira López Mosquera, á dereita, cos promotores de Peral Project
Elvira López Mosquera, á dereita, cos promotores de Peral Project
O proxecto de empresa de prestación de servizos de Intelixencia Artificial ideado por alumnado de Robótica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e ao que se sumaron outros estudantes e docentes da sede universitaria luguesa, ademais de técnicos das áreas comercial e de programación, acada un novo recoñecemento na terceira edición do evento da cultura maker celebrado na Cidade da Cultura
Lugo

O talento do Campus de Lugo da USC brilla con luz propia na III Maker Faire Galicia da man de ‘Peral Project’, tal e como se denomina a idea empresarial xerminada inicialmente polos estudantes do grao en Robótica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC Ergin Kamberov Pose, César Abilleira Carballal, unha proposta que vén de ser recoñecida co segundo premio na última convocatoria da cultura maker celebrada na compostelá Cidade da Cultura.

‘Peral Project’ é un proxecto empresarial de base tecnolóxica que pretende achegar de forma sinxela á cidadanía e á actividade empresarial tecnoloxías tan complexas como a intelixencia artificial ou a computación mediante a prestación de diversos servizos e utilidades, a través de ordenadores que aprenden solos e actúan como verdadeiros asistentes virtuais.

Este prometedor modelo de negocio aínda en fase de desenvolvemento xurdiu da iniciativa estudantil de crear un dispositivo orientado a dar asistencia e servizos ás persoas maiores e dependentes e ás súas familias.  Os avances tecnolóxicos acadados xa nesta primeira fase de desenvolvemento a través da aplicación de algoritmos de intelixencia artificial e de sensores de movemento do usuario, materializáronse en ‘Smart PAL’, un dispositivo con forma de reloxo e asistente que cumpre as funcións dun asistentes virtual no fogar con capacidade para informar ás familias das persoas usuarias sobre a súa localización, situacións de emerxencias directas, tales como caídas ou agresión, e mesmo respecto doutras anomalías de tipo cardíaco sen necesidade de ter acceso á rede de internet.

‘Smart PAL’ incluso podería servir para detectar algunhas doenzas antes da aparición e manifestación dos síntomas da enfermidade na persoa que porte este aparello, sinala Ergin Kamberov, quen impulsou desde o primeiro momento a idea empresarial ‘Peral Project’ xunto co seu compañeiro de terceiro curso do grao en Robótica na USC César Abilleira Carballal. Logo de dous anos de traballo, o equipo deste proxecto de negocio do ámbito da IA sumou novas incorporacións, tales como as do tamén alumno de Robótica Lucas Campillo de Andrés ou a do estudante de Veterinaria Luis Beltrán Gamero. O profesor da USC e coordinador do grao en Robótica, Roberto Iglesias, Anxo Fernández, responsable da área comercial, e outro programador completan na actualidade o equipo de ‘Peral Project’.

O desenvolvemento de ‘Smart PAL’ capitalizou ata o momento o traballo desenvolvido polo equipo de ‘Peral Project’, que ambiciona tamén o reto de achegar as vantaxes da IA aos produtores do sector primario a través dun dispositivo que, a través de visión artificial, permita detectar a presenza de bacterias no leite e prescriba o correspondente tratamento farmacolóxico. “O leite é o primeiro produto no que pensamos, pero se conseguimos facer realidade este reto, aplicarémolo a outros produtos”, comenta Ergin Kamberov.

Recoñecementos

‘Peral Project’ acumula xa diversos recoñecementos na súa curta traxectoria de apenas dous anos, un período no que ademais do premio da III Maker Faire Galicia, tamén gañou o primeiro premio do programa Explorer celebrado no Campus de Lugo. O recoñecemento acadado nos Premios Idea Lugo ou no certame de innovación ‘Elevator Pitch Localmente Lucense’, promovido polo Concello de Lugo, son outros dos éxitos colleitados ata o momento por ‘Peral Project’. “Xa temos unha pequena bolsa que nos resultará moi útil para financiar prototipos”, apunta Kamberov, quen recoñece as oportunidades que ofrecen programas como Explorer ou Argos para ampliar a súa formación no ámbito empresarial.

Emprendemento universitario

Alén de ‘Peral Project’, hai outras iniciativas emprendedoras promovidas polo alumnado do Campus de Lugo, tal e como quedou visible na pasada convocatoria do programa Explorer, a cuxa fase final concorreron oito proxectos. A iniciativa empresarial do estudantado de Robótica acadou o primeiro premio e gozará dunha estadía nun centro de innovación empresarial en Porto, pero o xurado desta última edición do programa de emprendemento impulsado polo Santander xunto coa USC tamén distinguiu o proxecto Liv Designia, que se concreta nun estudo creativo de deseño e innovación de produto, marca e comunicación dixital, e Unutro, unha unidade de nutrición que nace da man da Facultade de Ciencias como un proxecto que achega a toda a poboación os servizos de dietética e nutrición, especializándose en nutrición clínica, hormonal e deportiva.

Esta iniciativa permite tamén dotar ao alumnado do Grado en Nutrición Humana e Dietética dunha formación práctica e real que repercuta no benestar da poboación a través dun servizo de nutrición accesible. O comité avaliador tamén valorou a calidade e orixinalidade doutras ideas de negocio xeradas por alumnado e investigadores de Veterinaria, así como por estudantes do grao en Empresa e Tecnoloxía.

The contents of this page were updated on 06.06.2022.