Skip to main content

Un traballo de Alejandro Gómez Pazo, premio da Asociación Española de Xeógrafos para menores de 35 anos

A análise do sector de Pantín realizada por Gómez Pazo demostra a facilidade coa que técnicas moi estendidas nos estudos costeiros, como a análise das variacións costeiras ou as diferenzas volumétricas en sectores sedimentarios, poden ser aplicadas empregando tan só software libre. FOTO: https://alejandrogomezpazo.com/
A análise do sector de Pantín realizada por Gómez Pazo demostra a facilidade coa que técnicas moi estendidas nos estudos costeiros, como a análise das variacións costeiras ou as diferenzas volumétricas en sectores sedimentarios, poden ser aplicadas empregando tan só software libre. FOTO: https://alejandrogomezpazo.com/
Este investigador da USC desenvolveu o estudo titulado ‘Emprego de metodoloxías open-source para as investigacións costeiras: comparativa das técnicas de detección de cambios’
Santiago de Compostela

A novena edición do premio ‘Jesús García Fernández’ ao mellor traballo inédito realizado por persoal investigador do eido da xeografía e menor de 35 anos, acaba de recoñecer o traballo titulado ‘Emprego de metodoloxías open-source para as investigacións costeiras: comparativa das técnicas de detección de cambios’ do investigador da USC, Alejandro Gómez Pazo. “A actualidade e relevancia da temática abordada, con importantes repercusións ambientais como é a evolución das costas, así como as metodoloxías innovadoras que empregan fontes libres de información xeográfica e que poden contribuír ao avance na democratización da ciencia” foron os aspectos salientados polo xurado á hora de emitir o seu ditame.

O estudo de Gómez Pazo céntrase na aplicación de ferramentas de software libre para o estudo de sectores costeiros. “Nos últimos tempos todas as ferramentas open source están gañando importancia nos traballos relacionados co cambio global”, explica o investigador. “A súa maior relevancia atópase en que non precisan de custosas licencias comerciais para o seu emprego e permiten a democratización deste tipo de traballos que teñen unha gran pegada no ámbito da xestión costeira”, engade este xeógrafo da USC.

A finalidade do estudo é comparar o fluxo de traballo entre as ferramentas de software propietario e software open source para a análise das variacións costeiras e das variacións volumétricas. Así póñense en perspectiva os beneficios e posibles problemas das metodoloxías open-source nos traballos litorais.

A análise do sector de Pantín realizada por Gómez Pazo demostra a facilidade coa que técnicas moi estendidas nos estudos costeiros, como a análise das variacións costeiras ou as diferenzas volumétricas en sectores sedimentarios, poden ser aplicadas empregando tan só software libre. “Esta zona mostra unha clara erosión ao longo dos dez anos analizados, tanto en relación coa liña de costa, como coas variacións  volumétricas no sector de detalle”, explica o investigador.

“Parece evidente que de cara ao futuro da investigación e especialmente da xestión costeira é de vital importancia o uso de ferramentas sen custo de licenza asociados, xa que favorecen o seu emprego ao longo do globo e permite que calquera persoa poida realizar este tipo de traballos”, matiza. Neste senso, o xeógrafo subliña a gran semellanza en canto a tempos de procesado e resultados obtidos mediante as aproximacións comerciais e as open-source.

O xurado estivo composto por Ana Nieto Masot da Universidade de Estremadura,  Orbange Ormaetxea Arenaza da Universidade do País Vasco e Maciá Blazquez Salom da Universidade das Illas Baleares. O premio ten unha dotación económica de 1.500 euros.

Alejandro Gómez Pazo
Alejandro Gómez Pazo
The contents of this page were updated on 06.13.2022.