O Ibader mellorará a conservación dos hábitats das illas Cíes, Ons e Sálvora fronte ao cambio climático co Life Insular

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus de Lugo da USC traballará a prol da mellora da conservación dos hábitats das illas Cíes, Ons e Sálvora e da súa adaptación fronte aos efectos derivados do cambio climático ao abeiro do programa Life Insular. Este proxecto transnacional, coordinado pola USC, a través do Ibader, e dotado cun orzamento de 5,2 millóns de euros para o próximo lustro, contempla ademais das actuacións previstas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas outras intervencións na illa La Graciosa, do arquipélago canario, e no propio territorio insular de Irlanda.
O obxecto deste programa Life no que colaboran España e Irlanda pasa por implementar e poñer en marcha nos territorios afectados polo proxecto unha estratexia integrada de xestión sustentable dos hábitats integrados na Rede Natura 2000, a fin de avanzar na restauración das paisaxes naturais que presentaban estas illas galegas hai medio século no marco desta iniciativa europea.
O Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN), Grupo Tragsa, e co Departamento de Vivenda, Goberno Local e Patrimonio de Irlanda e a compañía forestal estatal irlandesa Coillte tamén figuran como socios beneficiarios do Life Insular, que recibe da UE, a través do programa Life, 3,95 millóns de financiamento. A Xunta achega a esta actuación 750.000 euros, dos que un 40% se corresponden con gastos en investimentos.
A estratexia que desenvolverá o Life Insular para acometer a restauración integrada de dunas grises e matogueiras secas nas cinco illas atlánticos obxecto do proxecto prevé ampliar a superficie cuberta por dunas e matogueiras mediante a eliminación de antigas plantacións forestais, así como a través da erradicación e control doutras especies exóticas invasoras. A mellora das perspectivas de futuro deste tipo de paisaxes nas illas mediante a aplicación de medidas protectoras e de defensa fronte a presións antropoxénicas, ademais da sensibilización, formación e concienciación sobre a importancia dos valores naturais e dos servizos ecosistémicos que prestan este tipo de hábitats son outros retos cara os que avanza o Life Insular, cuxos resultados poderían ser logo aplicables noutras rexións europeas.
O director do Ibader, Pablo Ramil Rego, sinala que este novo Life permitirá ao Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC dar continuidade ao labor que desenvolve desde hai décadas a prol da conservación do medio natural, ao tempo que salientou a cada vez maior pegada do instituto universitario asentado no campus lugués no plano internacional.