Skip to main content

A segunda reunión de Xerentes da Alianza de centros e unidades de excelencia Severo Ochoa e María de Maeztu analiza en Compostela os seus retos de futuro

De esquerda a dereita, Carlos Alberto Salgado, Vicente Pérez, Antonio López, José Alberto Díez e Xavier Ferreira. Foto. Servimav-USC
De esquerda a dereita, Carlos Alberto Salgado, Vicente Pérez, Antonio López, José Alberto Díez e Xavier Ferreira. Foto. Servimav-USC

A segunda Reunión de xerentes da Alianza de centros e unidades de excelencia Severo Ochoa e María de Maeztu (SOMMa) reuniu este venres no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) representantes de cinco destas unidades de Excelencia e de quince centros Severo Ochoa. Ademais, uníronse por videoconferencia outras tres unidades e dous centros máis. A xuntanza organizouna o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto recoñecido como unidade de excelencia.

O reitor da USC, Antonio López, deu a benvida aos participantes nun acto no que tamén participaron o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri; o director do IGFAE, Carlos Alberto Salgado López; e o xerente da USC, Javier Ferreira Fernández.

A xuntanza permitiu debater a situación actual deste centros e unidades de excelencia e facer propostas concretas en relación a temas de gran importancia para o seu funcionamento como son o calendario de convocatoria ou os procesos de contratación pública e de persoal. Segundo o documento presentado nesta xornada, a alianza SOMMA ponse a disposición dos ministerios de Ciencia, Innovación e Universidades e de Facenda así como dos grupos parlamentarios para seguir colaborando no desenvolvemento das propostas analizadas na xuntanza así como no desenvolvemento da Lei da Ciencia.

Neste senso, na xuntanza sinalouse a necesidades de recoñecer “de forma inequívoca que a ciencia funciona por proxectos” e neste senso “a Lei da Ciencia, debe achegar un marco para normativas específicas na investigación nos ámbitos de contratación pública, de persoal, tratamento do IVE, mecanismos de control axeitados para a ciencia, así como a asignación de orzamento anual para poder publicar puntualmente as convocatorias e as correspondentes resolucións que permiten iniciar os proxectos”.

SOMMa é unha agrupación constituída en outubro de 2017 co apoio da Secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación que pretende impulsar a visibilidade nacional e internacional da investigación española como un ecosistema de excelencia interdisciplinar e interconectado. Actualmente existen en España 25 destes centros ou unidades, cubrindo todas as áreas de investigación, emprazados en Cataliña, Madrid, País Vasco, Comunidade Valenciana, Andalucía, Canarias e Galicia. A súa misión é promover, reforzar e maximizar a nivel internacional tanto o valor da ciencia de excelencia producida neste centros, como o seu impacto económico e social.

O encontro celebrouse no CEA coa asistencia de representantes de cinco destas unidades de Excelencia e de quince centros Severo Ochoa. Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 11.23.2018.