Skip to main content

A Sociedade Española de Anatomía Patolóxica Veterinaria sitúa Lugo como centro de formación específica

Participantes na sesión de dianóstico de enfermidades en peixes, en Veterinaria
Participantes na sesión de dianóstico de enfermidades en peixes, en Veterinaria
A reunión na que participan máis de 100n investigadores de todas as facultades de Veterinaria de España, e especialistas de centros de I+D e diagnóstico remata este venres coa análise de comunicacións científicas
Lugo

A XXXIII Reunión Científica da Sociedade Española de Anatomía Patolóxica Veterinaria, un foro que reúne ata este venres en Lugo máis de 100 investigadores procedentes de todas as facultades de Veterinaria de España, ademais doutros especialistas de centros de I+D e diagnóstico nacionais e iberoamericanos, está a poñer en valor a sede universitaria luguesa como centro de formación de especialistas en anatomía patolóxica de peixes, un sector no que o labor de diagnóstico require de máxima precisión, segundo puxo de manifesto Jeffrey C. Wolf, o experto mundial en patoloxías de animais acuáticos convidado a participar como relator nesta reunión científica promovida pola delegación galega da SEAPV e organizada por investigadores do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC.

O importante labor de capacitación e formación específica no campo da anatomía patolóxica en peixes que se desenvolve na Facultade de Veterinaria da USC quedou xa de manifesto nas sesións prácticas desenvolvidas o mércores e nas que tomaron parte moitos dos congresistas máis novos inscritos nesta reunión científica da Sociedade Española de Anatomía Patolóxica Veterinaria, no marco da que, ademais de intercambiar e compartir coñecementos sobre os últimos avances científicos desta especialidade, tamén se están a debater preto de 40 comunicacións orais e 41, en formato póster.
 
“Os anatomopatólogos somos peza esencial no estudo de enfermidades que involucran a animais e persoas e baseamos a nosa actividade diaria no obxectivo mundial ‘One health’, pola relación directa que existe entre enfermidades animais, humanas, medio ambiente e a seguridade alimentaria”, lembra a profesora da USC e coordinadora do comité organizador deste congreso, Maribel Quiroga Berdeal, quen subliña que o estudo das enfermidades que afectan aos animais resulta clave para obter melloras produtivas e de benestar animal no sector primario, que ten unha importancia capital en Galicia.

Programa

O programa deste congreso, cuxas sesións se están a desenvolver en instalacións do Campus de lugo, así como en dependencias da Deputación Provincial de Lugo e do Vello Cárcere, inclúe tamén un espazo dedicado á reflexión e á discusión sobre cuestións docentes e de investigación, así como varias actividades satélites abertas á participación das persoas interesadas e que se concentraron na xornada de apertura.

O experto Jeffrey C. Wolf, que está a ofrecer diversas sesións plenarias no marco desta reunión científica, abriu tamén o programa deste xoves cunha sesión expositiva sobre a precisión do diagnóstico dos especialistas anomopatólogos. Ao seu remate, os congresistas reunidos nas dependencias municipais do  Vello Cárcere puideron asistir á exposición das diferentes das comunicacións orais, agrupadas en bloques temáticos (animais acuáticos, animais silvestres, salvaxes e de laboratorio, innovación en anatomía patolóxica e animais de produción). Expertos nesta disciplina científica, tales como Martí Pumarola, Marisa Andrada, Juan Badiola, Gustavo Ramírez, Rosa Bolea,  Juanma Corpa, Antonio Espinosa, Maica Ferreras, Ana Bravo ou Lluís Luján, son os encargados de condución estas sesións de debate.

A presentación de comunicacións científicas terá continuidade na mañá do venres nas dependencias do Vello Cárcere, onde, xa en quenda de tarde, a partir das 16.15 horas, a profesora Quiroga Berdeal moderará un coloquio no que intervirán como relatores Martí Pumarola, Francesc Padrós, Manuel Arbelo e Estefanía Montero. Ao remate da sesións programadas neste congreso, que tamén contempla no seu amplo programa social visitas guiadas, obradoiros de arte urbano, baile tradicional, un encontro gastrocientífico e outras actividades encamiñadas a poñer en valor o Campus de Lugo da USC e a riqueza patrimonial e cultural da capital luguesa, a Sociedade Española de Anatomía Patolóxica Veterinaria celebrará a súa asemblea anual.

The contents of this page were updated on 06.16.2022.