As aplicación de RPAS e drons no sector agroforestal, temática dun ciclo de relatorios na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo
As aplicación de RPAS e drons nas ciencias da terra e nomeadamente no sector agroforestal centra a temática dun ciclo de relatorios organizado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo ao abeiro do máster interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, un título de nova implantación e que está coordinado na USC pola profesora Mariluz Gil Docampo.
O catedrático de Xeografía Física da USC Augusto Pérez Alberti abrirá este mércores, ás 16.00 horas, na sala de Xuntas da EPS de Enxeñaría de Lugo, este programa de formación e divulgación cun relatorio no que afondará sobre as aplicación dos RPAS nas ciencias da terra, tanto para a realización de análises de estados erosivos da fisiografía como para avaliar riscos ambientais.
Unha vez rematada esta exposición, o director técnico da adega Martín Codax, Miguel Ángel Tubío Fernández, falará neste foro sobre o uso e manexo de drons en agricultura de precisión, ao tempo que relatará algúns exemplos prácticos da aplicación destas tecnoloxía en viticultura.
Este ciclo de conferencias terá continuidade o xoves 29 de novembro, cando Neves Seoane Vieira, técnica de Inta no proxecto CIAR, ofrerá, a partir das 16.00 horas, no sala de xuntas do centro universitario lugués, un relatorio sobre as aplicación de RPAS no estudo da atmosfera. De seguido, Marcos Carrera Táboas, de Fobos Solutions, falará sobre drons biométricos, e da aplicación de sistemas multiespectrais no sector forestal.