USC e Concello de Lugo construirán o primeiro edificio público de Galicia feito con madeira galega e abastecido con enerxías limpas
A USC e o Concello de Lugo promoven a construción do primeiro edificio público de Galicia feito con madeira galega e abastecido con enerxías limpas ao abeiro do proxecto Life Lugo+Biodinámico. O edificio Impulso Verde, tal e como se denomina esta actuación, estará emprazado no barrio lugués da Garaballa, pretende ser a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España e nace coa vocación de ser un referente na aplicación de modelos construtivos sostibles, alternativos aos convencionais, baseados no aceiro e o formigón armado.
O inmoble Impulso Verde é unha pata central do plan Life Lugo+Biodinámico, un proxecto europeo dotado con 3,5 millóns de euros que inclúe outras accións como a creación dun novo pulmón verde urbano coa plantación de 15.000 exemplares de 60 especies arbóreas distintas entre As Gándaras e o Ceao. (souto de castiñeiros, frondosas autóctonas, cultivos enerxéticos e arboretum galego), ademais de actuacións orientadas á recuperación e posta en valor dun bosque de Ribeira ou a creación de hortos urbanos en solo e altura.
O proxecto desta nova construción sostible está dirixido polo catedrático do departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e director da Plataforma de Madeira Estrutural (Pemade), con sede no campus de Lugo, Manuel Guaita Fernández, así como polo arquitecto e tamén profesor universitario na Politécnica de Madrid Antonio Lara, tamén vinculado a Pemade.
Trátase dunha construción sostible baseada na experiencia investigadora da USC e nos resultados obtidos nas accións preparatorias, uns ensaios experimentais entre os que cómpre salientar a cuberta Grisdhell instalada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo. Esta peza, que constitúe a primeira estrutura do mundo feita con eucalipto globulus, vén de ser premiada en Seúl na última edición do congreso da enxeñaría en madeira máis importante do mundo.
Emprazado na rotonda da Avenida Duquesa de Lugo máis próxima ao Centro Comercial As Termas de Lugo, a fin garantir así a súa máxima visibilidade, o proxecto de edificación de Impulso verde conta cun orzamento de 1.040.503,30 euros e o seu prazo de execución é de 12 meses, tal e como se indicou este martes no acto de presentación do proxecto, unha sesión pública desenvolvida no edificio CEI-Nodus de Lugo.
As obras deste novo edificio sostible e de uso público poderían estar rematadas a finais de 2009, segundo adiantou a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, quen precisou que unha vez rematado o proxecto, a Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo prevé aprobar sacar a contratación as súas obras de construción na súa reunión deste mércores.
Impulso Verde é tamén a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España, apuntou Méndez no marco dun acto no que tamén participaron o catedrático da USC Manuel Guaita e arquitecta e técnico de Pemade Belén Feijóo; o deputado provincial Álvaro Santos e Luis Ruiz, da Universidade Politécnica de Madrid. A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Lugo, Daniel Piñeiro, así como outros investigadores da USC no campus de Lugo, empresarios e representantes do sector forestal.
O acto de presentación do proxecto do edificio Impulsa Verde serviu asemade para avanzar algunhas das singularidades previstas no futuro barrio multiecolóxico de Lugo, unha zona na que, ademais de edificios con madeira como elemento estrutural de construción, aplicaranse as solucións de deseño urbano recollidas no que será o primeiro catálogo en Europa de medidas para a adaptación ao cambio climático que se está a elaborar, tamén dentro do Life Lugo+Biodinámico.
Estas solucións de deseño urbano van desde a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reciclaxe da fracción orgánica do lixo. Tamén haberá medidas de aforro enerxético coa simple orientación dos viais, zonas verdes ou edificios buscando aproveitar o sol e os ventos dominantes.
Asistentes á presentación do proxecto do primeiro edificio público de Galicia feito en madeira galega