Skip to main content
  • Research

A física dos núcleos exóticos centra o congreso internacional DREB2022 organizado polo IGFAE

María José García Borge, profesora de investigación do Instituto de Estrutura da Materia do CSIC, e Dolores Cortina, investigadora do IGFAE, presiden o comité local do DREB2022. FOTO: Elena Mora
María José García Borge, profesora de investigación do Instituto de Estrutura da Materia do CSIC, e Dolores Cortina, investigadora do IGFAE, presiden o comité local do DREB2022. FOTO: Elena Mora
Do 27 de xuño ao 1 de xullo, preto de 150 especialistas da contorna internacional presentarán na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC as últimas investigacións arredor das reaccións nucleares deste tipo de núcleos

A 11th International Conference on Direct Reaction with Exotic Beams (DREBB 2022) botou a andar este luns na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC e a Xunta de Galicia, o foro congregará ao redor de 150 especialistas de todo o mundo para presentar as últimas investigacións das reaccións nucleares con núcleos exóticos.

Inestables e cunha vida moi curta, os núcleos exóticos denomínanse así porque non poden atoparse de forma natural na Terra e ademais son difíciles de producir experimentalmente. As novas infraestruturas científicas con feixes de ións radioactivos xunto co desenvolvemento de métodos teóricos avanzados e simulacións informáticas de alto rendemento serán algunhas das cuestións clave que se abordarán no encontro.

Aplicacións noutras áreas da ciencia

Sintetizáronse máis de 3.000 núcleos atómicos diferentes nos laboratorios, pero só representan unha parte de todas as especies nucleares posibles que se espera que existan na natureza. Estudar os núcleos exóticos non só proporciona respostas a preguntas científicas fundamentais sobre a orixe dos elementos, senón que as súas aplicacións son relevantes en múltiples áreas, como a xeración de enerxía con baixas emisións de carbono, o diagnóstico e tratamento médico, a análise para estudos ambientais, de enxeñería, biomédicos, xeolóxicos, ou culturais, entre outros.

The contents of this page were updated on 06.27.2022.