Skip to main content

Filoloxía celebra o bimilenario de Ovidio

Filoloxía sumouse esta semana á celebración do bimilenario do pasamento do poeta Ovidio coas xornadas ‘Multarum quod fuit, Ovidius habuit, en cuxo desenvolvemento colaborou a sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos.

Ao longo de dúas xornadas, o programa de actividades mesturou un carácter tanto académico como lúdico e divulgativo e implicou a colaboración entre a Facultade de Filoloxía e a de Historia Xeografía e Historia. No día da apertura do evento impartiron cadansúa conferencia dúas recoñecidas especialistas no eido dos estudos clásicos: Cecilia Criado, directora da Biblioteca Dixital do Mito Tebano, e Fátima Díez Platas, directora da Biblioteca Dixital Ovidiana e responsable da cesión de valioso material gráfico sobre a herdanza plástica do poeta, material que aínda se pode visitar estes días en Filoloxía.

Á xornada incorporáronse asemade as investigadoras Laura Camino e Brianda Otero, que ofreceron un relatorio sobre a relación entre texto e imaxe nas Heroidas. As actividades atoparon continuidade na posta en escena que a compañía Faísca Teatro realizou dunha versión dun fragmento das Metamorfoses, seguido dunha lectura aberta de poesía ovidiana.

The contents of this page were updated on 11.23.2018.