Skip to main content

Cúmprense 50 anos da publicación da orde ministerial pola que se crea o Arquivo Histórico Universitario de Santiago

Cúmprense 50 anos da publicación da orde ministerial pola que se crea o Arquivo Histórico Universitario de Santiago
Cúmprense 50 anos da publicación da orde ministerial pola que se crea o Arquivo Histórico Universitario de Santiago
O BOE do 25 de novembro de 1968 publicaba a orde ministerial que asinaba o ministro de Educación, José Luís Villar Palasí, pola que se creaba o Arquivo Histórico Universitario de Santiago a proposta do reitor da Universidade e “en atención a la importancia de los fondos documentales” que nel se atopaban.

Nesa data ademais do fondo universitario, moi relevante en si mesmo, o Arquivo da Universidade de Santiago xa acollía o grupo de fondos de Clero, con orixe na antiga administración de bens nacionais da cidade; o fondo do Hospital Real, depositado pola deputación provincial, e as contadorías de hipotecas das xurisdicións de Santiago, Boqueixón, Conxo, Vedra e Enfesta. Un ano despois, ao amparo da orde, ingresarían os protocolos notariais centenarios do distrito de Santiago de Compostela.

A orde ministerial supuxo para o arquivo a adquisición dun estatus moi singular entre os arquivos universitarios españois e a súa integración “de iure” no sistema de arquivos centralizado existente na época. Esa peculiaridade continuou acentuándose ata os nosos días, asumíndose progresivamente responsabilidades de custodia, organización, servizo e difusión sobre un abano moi amplo de conxuntos documentais, hoxe a disposición da comunidade universitaria e a cidadanía interesada.

O Arquivo
Desde a súa creación coa propia Universidade de Santiago, o Arquivo está constituído pola documentación administrativa e académica xerada pola Universidade ao longo da súa historia, así como polos fondos documentais non universitarios adquiridos, doados ou confiados en depósito á institución.

A documentación reflicte a evolución, os cambios e as transformacións sufridas pola Universidade compostelá desde os albores da Idade Moderna. A preocupación polo coidado dos seus documentos aparece constatada nas distintas constitucións, estatutos e visitas que se realizaron ao longo de todo o Antigo Réxime, e que testemuña a relevancia funcional e o interese xurídico e administrativo que o Arquivo tivo durante todo este período.

A ruptura coa tradición e a renovación da Universidade na época contemporánea produciuse nun convulso século XIX por mor dos sucesos políticos e, sobre todo, polas distintas leis educativas xurdidas neste período nas que a figura do reitor se alza como máxima autoridade do ensino no distrito universitario. Estas novas competencias nos campos, entre outros, do ensino primario e medio xerarán novas series documentais, conservadas hoxe, e que converten os seus fondos en ferramenta imprescindible para o estudo de calquera faceta da historia da educación en Galicia.

Pola contra, a natureza da documentación ingresada ao longo do século XX desborda o eido educativo. É froito de compras, depósitos ou doazóns que veñen a completar e enriquecer o fondo universitario convertendo o Arquivo Histórico Universitario no que é na actualidade: un auténtico arquivo de arquivos, cuns fondos transversais e complementarios e erixido como referencia en campos moi diversos da historia e a cultura local e galega.

Nos últimos tempos incorporáronse progresivamente as posibilidades e vantaxes que as TIC proporcionan ás institucións culturais. Neste sentido se está a desenvolver un programa de dixitalización documental que se plasma nun banco con centos de miles de datos e imaxes dos seus fondos históricos, accesibles en liña e, polo tanto, sen limitación espacial nin temporal.

The contents of this page were updated on 05.02.2023.