A estudante da USC Cristina Correa Segade e Gemma López Sixto do IES Punta Candieira gañan o ‘Explícoche matemáticas 2.0’
A alumna da Facultade de Bioloxía da USC, Cristina Correa Segade, acaba de proclamarse vencedora no certame audiovisual ‘Explícoche matemáticas 2.0’, convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas coa vontade de promover a utilización do galego e estimular a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais. Correa Segade gañou na categoría do concurso dirixida a alumnado universitario co vídeo ‘Os números de Mersenne’. Na modalidade dirixida a ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional, resultou gañadora Gemma López Sixto do IES Punta Candieira pola peza audiovisual ‘Como medimos o tempo?’.
Nesta mesma categoría, outorgáronse dous accésit aos vídeos ‘A simetría dos cangrexos’ de Emma Lourido Ponde, tamén do IES Punta Candieira; e ‘Método para calcular alturas mediante un espello’ de Noa Ferreiro Bellas e Laura Vispalia Díaz, estudantes do IES Castro da Uz. Ademais, o xurado concedeu mencións aos vídeos ‘As matemáticas non serven para nada’ de Iván Rodríguez Vázquez, alumno do Colexio Marista Cristo Rey; ‘Arte ou matemáticas’ de Irene González Calvo e Raquel González Calvo, estudante do IES Adormideras; e ‘É 4,99... igual a 5?’ de Alba Casás Fuentes e Nadia Suárez Martínez, estudantes do IES Manuel Murguía.
O xurado do certame estivo integrado por Elena Vázquez Cendón (presidenta), Alberto Cabada Fernández, Rosa M. Crujeiras Casais, Erika Diz Pita, Miguel Domínguez Vázquez, Antonio García Rodicio, Josefina Ling Ling, Francisco Morales Vidal, Tomás Otero Casal, Artur Vázquez Rego, Andrea Polo Rodríguez, Carmen Rodríguez Iglesias e Carmen Trillo Sendón. Manuel Bermúdez Blanco, como representante do Servizo de Normalización Lingüística (SNL); María Varela Garea, como representante de profesorado de ensino medio; Brais Prieto Moure, con formación técnica en materiais audiovisuais; e Aroa Blanco Guerreiro, como gañadora de edicións anteriores, completaron a listaxe de membros.
O número de vídeos presentados a esta edición do concurso foi de 21 na Categoría A (2º Ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional) e de 3 na Categoría B (Universidade). A avaliación organizouse en tres fases. Nunha primeira fase, os membros da CNL, xunto con M. Varela e A. Blanco, avaliaron tanto os aspectos matemáticos, como a calidade lingüística e técnica; a excepción de C. Trillo, que avaliou só calidade lingüística e técnica. Aqueles que superaron uns mínimos nas valoracións foron remitidos ao representante do SNL e ao experto en materiais audiovisuais para a súa valoración lingüística e de calidade de imaxe e son, nunha segunda fase. Finalmente, a partir destas valoracións seleccionáronse 9 vídeos da Categoría A e 2 da Categoría B. O xurado procedeu á súa visualización e valoración, tanto de xeito individual como na sesión de deliberación no caso daqueles vídeos mellor valorados. Despois dun debate sobre a corrección dos contidos matemáticos, a calidade lingüística e de imaxe e son, outorgou os premios por unanimidade.