A robotización aumenta as producións, e mellora o rendemento e a calidade de vida e de traballo no sector agrogandeiro
A transferencia de coñecemento e a progresiva implantación de solucións innovadoras orientadas á automatización de tarefas cotiás a través da robotización aumenta as producións nos sectores agrogandeiro e forestal, ao tempo que mellora o rendemento económico das explotacións, ao tempo que tamén redunda en maiores cotas de benestar das persoas e mesmo na calidade do traballo, segundo salientaron o responsable de márketing de Lely Ibérica, Alberto Sánchez, e o presidente de Kubota España, Germán Martínez, nas xornadas sobre robótica agrícola e gandeira que citan ata este martes máis de 70 participantes na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.
As xornadas, coordinadas polo profesor Javier Bueno e que continuarán este martes con dous novos relatorios a cargo dos investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC Ángela Ribeiro e Dionisio Andújar, serviron asemade para inaugurar o Programa de Formación Aberta da EPS de Enxeñaría, unha iniciativa a través da que o equipo de dirección do centro universitario lugués pretende achegar aos membros da comunidade universitaria como ao público en xeral “formación complementaria específica que redunde tanto na mellora do seu grao de benestar como no progreso dun sector primario que tanta importancia ten na provincia de Lugo”, dixo a directora da EPSE, Rosa Romero.
A delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, remarcou na súa intervención neste foro, promovido en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, a Confederación de Empresarios de Lugo e a Fundación Agroalimentaria de Galicia, os novos folgos que reporta o grao en Robótica para a oferta académica que imparte a USC na EPS de Enxeñaría, ao tempo que indicou que “o elevado grao de robotización que están a experimentar as explotacións agrogandeiras e forestais actúa como un novo acicate para que o futuro profesional no sector primario esperte máis atractivo entre as novas xeracións”.
O deputado provincial Pablo Rivera Capón reiterou neste senso o compromiso da Deputación Provincial de Lugo co Campus de Lugo da USC e, nomeadamente, coa transformación dixital e sustentable dos sectores agrario, gandeiro e forestal. Daquela Rivera Capón lembrou a recente incorporación do organismo provincial ao protocolo ‘Smart Agro’, un programa na que a de Lugo participa xunto con outras sete deputacións provinciais española e 20 empresas.
Programa das xornadas
O responsable de márketing de Lely Ibérica, Alberto Sánchez, abriu este programa de relatorios cunha exposición sobre a robotización de explotacións de vacún de leite, no marco do que tratou algúns dos aspectos e as múltiples evolucións experimentadas polos robots de muxido desde a súa implantación hai xa tres décadas. Sánchez presentou tamén na súa intervención algunhas das últimas aplicacións desenvolvidas por esta multinacional especializada na prestación de recursos e servizos para explotacións de vacún de leite e que ten a vaca como centro da súa actividade.
O enxeñeiro agrónomo Germán Martínez, que é presidente de Kubota España e vicepresidente de Ventas da División de Tractores Kubota en Europa, deu continuidade á primeira quenda de intervencións deste foro coa charla ‘Exemplos de innovación de kubota para o futuro sostible da agricultura’, na que avanzou algunhas das últimas achegas nas que está a traballar esta multinacional con sede en Xapón.
A segunda xornada deste ciclo sobre robótica agroforestal e gandeira céntrase no labor que desenvolve a comunidade científica. Así, os investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC Dionisio Andújar e Ángela Ribeiro, ofrecerán este martes cadanseu relatorio baixo o títulos ‘Robots intelixentes en Agricultura. O futuro xa está aquí’ e ‘Cultivando con datos: cara a agricultura robótica de precisión’.