María López Sández ocupará a vacante de Darío Xohán Cabana na RAG
A profesora da USC, María López Sández (Lugo, 1973), ocupará a vacante producida polo pasamento do académico Darío Xohán Cabana o pasado mes de novembro, tal e como se acordou na última sesión plenaria da RAG. Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura na USC e catedrática en excedencia do ensino secundario, a académica de número electa é investigadora da literatura galega e da sociolingüística, e tamén creadora literaria. Entre outros galardóns, mereceu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007 por Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio e o Premio Repsol de Narrativa Breve (2012) por A forma das nubes.
A traxectoria de María López Sández demostra un firme compromiso coa lingua e a cultura galegas dende unha perspectiva rigorosa e multidisciplinaria. Licenciada en Filoloxía Galega, Hispánica e Inglesa, foi premio fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia e segundo premio nacional de Terminación de Estudos Universitarios de Filoloxía. Doutorouse en teoría da literatura e literatura comparada cunha tese na que analizou a descrición da paisaxe como unha das condicións simbólicas da nación a través de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Xosé Luís Méndez Ferrín. Neste mesmo tema centrouse o ensaio que lle valeu o Premio Ramón Piñeiro, unha obra de referencia na relación da literatura galega co territorio; e nel seguiría a afondar atendendo os imaxinarios rurais e urbanos no campo das letras galegas en autores como Eduardo Blanco Amor e Carlos Casares e mais a análise semiótica da cartografía, subliñando a centralidade cultural do mapa de Domingo Fontán.
A filóloga participou en proxectos que indagaron na relación entre lugares da xeografía galega e a literatura a través das humanidades dixitais (compostelaxeoliteraria.org) e sobre Rosalía de Castro. O último deles dedicado á autora fundacional das letras galegas contemporáneas é o herbario literario Nasín cando as prantas nasen (2022), un achegamento botánico á obra rosaliana asinado xunto a María Isabel Fraga Vila e Miguel Fraga Vila. A contribución completouse cun herbario físico que, tras dar lugar a unha exposición no Real Xardín Botánico de Madrid, foi cedido á Casa Museo Rosalía de Castro, de cuxo padroado é membro. É ademais coautora de Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021) xunto a Marilar Aleixandre, e coordinadora da sección ‘O espello das letras’ da revista Grial.
No campo da sociolingüística, ten realizado diversas contribucións dende o eido da educación. Coordinou o equipo de traballo da Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO (2020) e é coautora de Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames, ambas publicacións do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, do que é colaboradora.
Como docente e experta en didáctica da lingua e da literatura publicou libros e outros materiais didácticos e imparte ás futuras e aos futuros mestres materias de perfil sociolingüístico dende unha ollada cara á promoción do galego no ensino ao longo de todas as etapas. Como creadora literaria, tras A forma das nubes (2012), gañadora do Premio Repsol de Narrativa Breve, publicou O faro escuro (2015), finalista do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia; A noite Deusa (2020), finalista do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña; e Illados. Diario da pandemia (2020).