Skip to main content

A USC impulsa a maior iniciativa de educación sobre incendios forestais en Europa ao abeiro do proxecto FacingFIRE

Lapas destrúen un eucaliptal en Galicia
Lapas destrúen un eucaliptal en Galicia
O programa Eramus+ FacingFIRE, coordinado polo catedrático da USC na EPS de Enxeñaría Agustín Merino e baseado na aplicación de iniciativas de Aprendizaxe e Servizo, busca reforzar as capacidades de formación do profesorado e doutros axentes sociais sobre prevención de incendios, reforestación ou recuperación de solos
Lugo, Santiago de Compostela

A USC impulsa o maior proxecto europeo de educación sobre incendios forestais no vello continente ao abeiro do programa FacingFIRE, unha iniciativa de Aprendizaxe e Servizo (Service-learning to improve training and employability in wildfire management) incluída no programa Erasmus+ Strategic Partnership que pretende reforzar as capacidades formativas do personal docente, así como de diversos axentes sociais sobre cuestións ligadas coa problemática dos incendios forestais, así como respecto da súa prevención, control e restauración de solos.

O proxecto FacingFIRE, coordinado polo catedrático da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra Agustín Merino García e no que participa un consorcio integrado por centros educativos, entre os que se atopan a USC e o IES Lucus Augusti; servizos forestais, tales como a Xunta de Galicia ; propietarios forestais, como as comunidades forestais e de montes de Ourense, e centros de investigación Forestal, basea a súas actividade na aplicación da metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo como estratexia educativa para formar e aumentar a capacitación dos profesionais e mellorar a formación do estudantado participante.

Este programa transnacional fixa como escenario das súas actividades os catro países europeos que rexistran unha maior incidencia de lumes forestais e que corresponden con territorios do Sur de Europa, como é o caso de Italia, Grecia, España e Portugal, contempla asemade a celebración de eventos multiplicadores, como o que se vén de celebrar a semana pasada na Facultade de Agricultura da Universidade de Florencia (Italia).

O proxecto FacingFIRE, que se complementa coa iniciativa ‘Plantando cara ao lume’, unha proposta educativa e de sensibilización medioambiental que conta con financiamento da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) e na que participan todas as comunidades autónomas de España, achega unha visión multidisciplinar respecto da problemática que constitúen os lumes forestais e tamén sobre a mitigación das súas causas e a restauración das nefastas consecuencias que ocasionan.

A dimensión multidisciplinar de FacingFIRE queda tamén acreditada polo amplo abano de participantes de diversas áreas temáticas que conflúen neste proxecto, do que son protagonistas activos varios centros da USC, tales como a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, a través da Unidade de Xestión Forestal Sostible, a Facultade de Formación do Profesorado, co mestrado en Dirección de Actividades Educativas na Natureza; os grupos de investigación Esculca e Tecnoloxía Educativa, da Facultade de Ciencias da Educación; a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, con investigadores de Economía Ecolóxica e dos Recursos Humanos; os equipos de Biodiversidade e Botánica Aplicada, de Bioloxía, ou mesmo as facultades de Administración e Dirección de Empresas e Ciencias da Comunicación.

O labor de transferencia de coñecemento que desenvolven os distintos especialistas (técnicos, docentes, investigadores) implicados neste programa compleméntase con outras actividades xestionadas directamente polo estudantado universitario, que, no caso da USC, ocúpase da actualización e mantemento da versión en castelán das contas de Instagram de FacingFIRE e de ‘Plantando cara ao lume’. Estas redes sociais serven de repositorios de información sobre lumes de forestais, ao tempo que actúan como plataformas para lanzar mensaxes de prevención e alertas, especialmente durante aqueles meses con maior incidencia de episodios incendiarios.

Agustín Merino, na súa intervención no evento celebrado en Florencia
Agustín Merino, na súa intervención no evento celebrado en Florencia
The contents of this page were updated on 07.12.2022.