Skip to main content

Despedida da VI promoción do Mestrado en Avogacía

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, preside este venres 1 de marzo o acto institucional da Escola de Práctica Xurídica, no que se despide a sexta promoción do Máster Universitario en Avogacía e se recoñece a traxectoria dos profesionais e institucións que colaboran coa Escola.

o acto solemne, a celebrar ás 20.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, asistirán case 300 persoas e contará coa participación do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Francisco Rabuñal; o director da Escola de Práctica Xurídica, Lotario Vilaboy; o decano da Facultade de Dereito, Gumersindo Guinarte; a valedora do Pobo, Milagros Otero; o decano do Colexio de Procuradores, Fernando González-Concheiro; o presidente da Audiencia Provincial, José Luis Seoane; o xerente da USC, Javier Ferreira; a vicerreitora de Titulacións da USC, Victoria Otero, e a secretaria xeral da USC, Dulce García, entre outras. Tamén haberá unha ampla representación institucional dos ámbitos xudicial, fiscal, da avogacía, das administracións autónomica e local, das forzas e corpos de seguridade e dos profesionais e alumnado da Escola.

Actualmente cursan este mestrado 108 alumnos no campus de Santiago e 24 no de Lugo, que asisten a clases impartidas por profesionais tanto do ámbito universitario como dos diferentes colectivos profesionais relacionados coa práctica forense. A Escola colabora ademais na formación continua dos avogados composteláns, dos procuradores galegos e doutros profesionais relacionados co sector da xustiza así como nas prácticas externas do Grao en Dereito, e ten previsto nun futuro ampliar o seu abano de actividades á formación inicial doutros colectivos profesionais do eido xurídico.

A cerimonia servirá tamén para facer un recoñecemento público ás institucións e profesionais que colaboran coa Escola no desenvolvemento das materias de prácticas externas do grao en Dereito, de prácticas externas do posgrao en administracións públicas, órganos xudiciais e despachos de avogados e das prácticas en concellos que subvenciona a Deputación da Coruña. Dun xeito particular, homenaxearanse os membros do anterior Consello de Dirección da USC Juan Viaño, Consuelo Ferreiro e José Manuel Villanueva e tamén quen fora durante moitos anos codirector da Escola por parte do Colexio de Avogados, Ricardo Ferrer.

The contents of this page were updated on 03.01.2019.