Skip to main content

O catedrático Jorge Barros, editor xefe da revista de tecnoloxía alimentaria sostible da Royal Society Chemistry

Jorge Barros Velázquez
Jorge Barros Velázquez
‘Sustainable Food Technology’ xurde como un foro aberto de tecnoloxías alimentarias innovadoras para canalizar achegas científicas cara a produción sostible de alimentos e solucións a prol da seguranza alimentaria mundial, subliña o novo Editor in Chief
Lugo, Santiago de Compostela

O catedrático da área de Tecnoloxía de Alimentos da USC e investigador do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Jorge Barros Velázquez, vén de ser nomeado Editor in Chief (director de edición) da revista ‘Sustainable Food Technology’, publicada pola Royal Society Chemistry.

Esta nova revista xurde como un foro de acceso aberto sobre tecnoloxías alimentarias innovadoras que aspira a canalizar e facer visibles as achegas científicas encamiñadas cara a produción sostible de alimentos, así como iniciativas e solucións a prol da seguranza alimentaria mundial, segundo subliña o novo Editor in Chief da publicación.

A tecnoloxía e a enxeñaría alimentaria sostible deben procurar solucións aos desafíos máis importantes en materia de procesado e produción de alimentos, a fin de garantir a seguridade alimentaria de toda a poboación e erradicar a fame mundial, sinala Jorge Barros, ao tempo que avanza que os métodos de conservación de alimentos e a creación de embalaxes máis sostibles centrarán a temática de parte dos artigos científicos publicados nesta nova revista da Royal Society Chemistry.

Ilusionado por formar parte do novo proxecto editorial, o profesor Barros Velázquez recoñece confía en que ‘Sustainable Food Technology’ sirva de novo acicate para a comunidade científica de todo o mundo interesados en producir comidas mellores e máis seguras, a través de procesos que resulten respectuosos co medio ambiente.

Recoñecemento á USC

O catedrático da USC Jorge Barros entende que a súa designación como Editor in Chief desta nova publicación da Real Sociedade de Química do Reino Unido supón tamén un recoñecemento ao destacado nivel científico que hai en España, a pesar de que o investimento realizado en I+D+i é manifestamente mellorable, ao tempo que implica un recoñecemento á ciencia realizada na USC no ámbito.

Respecto das múltiples aplicacións da tecnoloxía alimentaria á sustentabilidade, Barros chamou a non esquecerse da valorización de residuos da industria alimentaria,  que se poden transformar en novos ingredientes de valor engadido. Na USC en xeral e no Campus de Lugo en particular, apuntou, hai grupos de investigación relevantes nestes ámbitos, tanto no estudo de novos recursos agroalimentarios, de tecnoloxías avanzadas de conservación e envasado, así como no desenvolvemento de biosensores, microchips e tecnoloxías baseadas nas ómicas, para garantir que os nosos alimentos teñan a máxima calidade e seguridade.

Mención diferenciada, engadiu, merecen as aplicacións neste campo da biotecnoloxía e a nanotecnoloxía, disciplinas onde a USC exhibe un nivel científico elevado. É de crucial importancia seguir avanzando no ámbito da sustentabilidade, e a USC dispón de persoal científico moi cualificado e altamente motivado para levalo a cabo.

The contents of this page were updated on 07.15.2022.