Skip to main content

A EPS de Enxeñaría consolídase como centro de referencia de asesoramento e xestión da auga de rega a nivel nacional

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC
O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e investigador do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) Javier J. Cancela Barrio vén de ser nomeado vicepresidente da Asociación Española de Rega e Drenaxes (Aeryd)
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC consolida o seu liderado como centro de referencia de asesoramento técnico e xestión da auga de rega a nivel nacional. O cometido que desenvolve o centro universitario lugués neste ámbito adquire, se cabe, unha maior visibilidade tralo convenio asinado recentemente coa Confederación Hidrográfica Miño Sil para a redacción e posta en marcha dun plan integral encamiñado a favorecer un aproveitamento sustentable do regadío no Val de Lemos e o posterior nomeamento do profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e investigador do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) Javier J. Cancela Barrio como vicepresidente da Asociación Española de Rega e Drenaxes (Aeryd).

A EPS de Enxeñaría da USC mantén xa unha dilatada colaboración coa Aeryd, unha asociación fundada en 1985 co obxectivo de mellorar a información e aumentar a participación dos técnicos españois en labores de rega así como respecto doutras cuestións relacionadas coa Comisión Internacional de Rega e Drenaxes (ICID). De feito, logo de ocupar durante oito anos unha das vogalías desta plataforma de ámbito nacional, o profesor Javier J. Cancela accedeu á vicepresidencia da Aeryd nunha nova xunta directiva presidida por José María González Ortega e conformada por docentes e investigadores universitarios, así como así como por profesionais de empresas do sector.

Alén de contribuír á optimización dos recursos hídricos empregados para a rega a través do fomento da colaboración entre los sectores científico-técnico, empresarial, institucional e os propios usuarios da auga de rega, a Aeryd ten por diante importantes cometidos, tales como son a dixitalización dos sistemas e dispositivos empregados para regadío, xestión de augas, planificación e construción de balsas..., sinala Cancela.

A rega, lembra este investigador da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, resulta pouco menos que imprescindible no territorio español, cuxa superficie de rega supera os 3,8 millóns de hectáreas, o que equivale ao 16% da superficie agraria do país. Este dato converte España no segundo país da UE con máis extensión susceptible de rega e no número 16 do mundo. O sistema de rega por goteo é o máis xeneralizado e constitúe o método aplicado no 53% da superficie de regadío. Asemade, relata Cancela, a maior parte da superficie regada está ocupada por cereais, un tipo de cultivo ao que seguen outros como oliveiras, viñedo ou froiteiras.

Regadío Val de Lemos

O grupo PROePLA da EPS de Enxeñaría está a traballar tamén na promoción dun plan de aproveitamento sostible do sistema de rega no Val de Lemos, unha actuación posta en marcha tralo convenio asinado en maio entre o reitor da USC, Antonio López, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil, José Antonio Quiroga. O acordo, que contempla unha inversión estimada superior aos 290.000 euros e un prazo de execución de 18 meses ata catro anos, ten por obxecto avanzar no aproveitamento agronómico sostible da rega nesta comarca da zona Sur da provincia de Lugo.

Os traballos incluídos no plan, que abranguerá unha área de actuación de máis de 4.000 hectáreas, permitirán ofrecer un diagnóstico integral do regadío no Val de Lemos, e achegarán propostas para que o seu desenvolvemento futuro garanta a sustentabilidade da agricultura e permita avanzar na loita contra o cambio climático.

A avaliación e o labor de diagnóstico previo ás actuacións previstas neste proxecto, cuxa execución recae no grupo de investigación GI-1716 PROePLA da USC, que coordina o catedrático na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra Manuel Marey, acometerase desde as perspectivas legal, económica, social, produtiva e estrutural da zona, a fin de analizar con precisión as principais problemáticas e os retos de futuro.

Alén do diagnóstico, o plan integral para o aproveitamento sostible do regadío no Val de Lemos planificará as actuacións a realizar, así como a súa implantación, ao tempo que debe determinar o coste asociado de cada acción e as entidades que deban participar na achega das solucións. Todas as accións presentarán un enfoque acorde á normativa e restricións ambientais e sociais, territoriais e produtivas futuras.

O convenio outorga un valor esencial á participación dos regantes, tanto para a obtención da información como para a proposta de solucións, que se articulará mediante un activo proceso de participación pública organizado, regulado e coa máxima transparencia ao longo de todo o proceso.

As actuacións proxectadas están estruturadas en 10 fases e comezarán coa recompilación e a análise da documentación existente e outras tarefas previas, para continuar logo con traballos de campo, elaboración de planos e fichas, caracterización e elaboración do SIG, das Bases de Datos Espaciais e do diagnóstico social da comunidade de regantes. A proposta da folla de ruta para a desafectación de parcelas de rega, a presentación de modelos de cultivo, deseño e posta en marcha do plan de difusión con inversores dará continuidade ás acción previstas, entre as que, como última fase, figura a elaboración da documentación e das fichas do proxecto.

 

Javier J. Cancela Barrio
Javier J. Cancela Barrio
The contents of this page were updated on 07.19.2022.