Skip to main content

A arte da ruta xacobea e o seu impacto económico centran os proxectos impulsados pola Cátedra do Camiño

Pode ser beneficiario das axudas persoal investigador  que desenvolva a súa actividade no ámbito do Camiño de Santiago e as Peregrinacións. FOTO: Santi Alvite
Pode ser beneficiario das axudas persoal investigador que desenvolva a súa actividade no ámbito do Camiño de Santiago e as Peregrinacións. FOTO: Santi Alvite
A resolución da convocatoria outorgará financiamento ás investigacións tituladas ‘Románico no final do Camiño: San Xiao de Moraime’, ‘Santa María de Sar, lugar xacobeo. Un proxecto de investigación e museografía para a ampliación do Museo de Arte Sacro’ e ‘Estudo do impacto do Camiño de Santiago na rendibilidade e supervivencia das empresas turísticas’
Santiago de Compostela

A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, cuxo nacemento foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, acaba de dar a coñecer a resolución da V Convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións 2022. Ao abeiro desta concesión, desenvolveranse os proxectos titulados ‘Románico no final do Camiño: San Xiao de Moraime’, ‘Santa María de Sar, lugar xacobeo. Un proxecto de investigación e museografía para a ampliación do Museo de Arte Sacro’ e ‘Estudo do impacto do Camiño de Santiago na rendibilidade e supervivencia das empresas turísticas’.

San Xiao de Moraime

O profesor de Historia da Arte Medieval da Universidade de León, Javier Castiñeiras López, é o responsable do proxecto ‘Románico no final do Camiño: San Xiao de Moraime’ que abordará o estudo da fábrica románica de San Xiao de Moraime (Muxía, A Coruña) a partir tanto da análise da súa arquitectura e dos seus programas visuais, como das coordenadas culturais nas que as obras foron desenvolvidas.

A investigación parte dun exhaustivo baleirado das fontes documentais que permita unha mellor comprensión do contexto político e cultural de Moraime en tempos románicos. Profundarase no rol que puideron xogar a monarquía e o arcebispado de Santiago de Compostela, grandes poderes da rexión no período e nexos naturais con outros axentes políticos hispanos e europeos. “Con este marco contextual de fondo, o estudo específico da arquitectura centrarase naqueles aspectos que, pola súa excepcionalidade, gardan pouca relación cos procedementos xerais da arte románica da Costa da Morte”, explica o investigador.

Pola súa banda, “a investigación no ámbito das imaxes focalizarase nos portais esculpidos e nos posibles círculos de relación cos grandes centros que, dende Compostela aos distintos puntos da Europa románica, configuraron a renovatio visual do século XII”, engade. En suma, o espírito xeral deste proxecto consiste na revalorización dun centro románico que participa das principais dinámicas de ruptura da cultura artística do seu tempo.

Santa María de Sar

Victoriano Nodar Fernández, profesor de Historia da Arte da UVigo, acometerá o proxecto titulado ‘Santa María de Sar, lugar xacobeo. Un proxecto de investigación e museografía para a ampliación do Museo de Arte Sacro’.  “A Colexiata de Santa María a Real de Sar é un dos monumentos con maior potencial da cidade de Santiago de Compostela. A súa igrexa é, despois da Catedral, o edificio mellor conservado e de maior calidade artística da arte románica da cidade”, explica o investigador. Atesoura, ademais, no seu Museo de Arte Sacra unha importante colección artística na que destacan, polo seu número e calidade, as pezas románicas procedentes tanto da igrexa como do claustro construído entre os séculos XII e XIII.

O proxecto que se vai desenvolver ao abeiro da Cátedra do Camiño, ten como obxecto o estudo desta colección artística formada por capiteis, bases, columnas, doelas, sepulcros e lápidas funerarias co fin de trazar un proxecto museolóxico e museográfico con vistas a unha ampliación do actual museo. O estudo xiraría, ademais, arredor da potenciación da Colexiata de Sar como lugar xacobeo non só pola súa situación na última etapa da Vía da Prata senón tamén a través da recuperación de antigas tradicións locais que vinculan o enclave coa lenda da Traslatio.

Rendibilidade das empresas turísticas

Os profesores da USC María Milagros Vivel Búa e Rubén Lado Sestayo son os responsables do proxecto ‘Estudo do impacto do Camiño de Santiago na rendibilidade e supervivencia das empresas turísticas’. “A importancia da actividade turística e, en particular, da actividade económica xerada polo Camiño de Santiago, xustifican a súa importancia como xerador de benestar, particularmente en multitude de municipios rurais da xeografía española”, sinalan os investigadores. Con todo, o impacto da crise motivada pola COVID-19 “afectou notablemente á rendibilidade e ás posibilidades de supervivencia das empresas turísticas, condicionando a capacidade de resiliencia do tecido empresarial”, matizan.  

O obxectivo deste proxecto consiste en cuantificar o impacto da proximidade ao Camiño de Santiago sobre a rendibilidade e a supervivencia das empresas turísticas, considerando tanto variables a nivel de empresa como da súa localización xeográfica. “É necesario estudar as características dunha localización que poden afectar as empresas turísticas, xa que a rendibilidade e supervivencia dunha empresa non só depende das súas propias características”, engaden.

Convocatoria

A V Edición para Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións outorga un financiamento máximo de 2.000 euros por proxecto. Pode ser beneficiario das axudas persoal investigador  que desenvolva a súa actividade no ámbito do Camiño de Santiago e as Peregrinacións.

The contents of this page were updated on 07.19.2022.