A EPS de Enxeñaría mergúllase no potencial das renovables mariñas a través dun curso sobre enerxía das ondas
A Área de Enerxía Hidráulica da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC achégase ao potencial que representan as enerxías mariñas en Galicia a través dun curso específico sobre a aproveitamento enerxético undimotriz (enerxía das ondas) promovido no marco do proxecto europeo PORTOS (Ports Towards Energy Self-Sufficiency) que congrega ata este mércores na sede universitaria luguesa a estudantes e titulados universitarios, así como a diversos profesionais interesados no desenvolvemento deste recurso no seu posterior aproveitamento óptimo.
A enerxía das ondas representa unha fonte de enerxía renovable de gran potencial no contexto das enerxías mariñas e presenta un especial interese na costa galega, segundo subliña o profesor da área de Enerxía Hidráulica na EPSE e coordinador do proxecto PORTOS. Para o axeitado desenvolvemento deste tipo de enerxía e o seu posterior aproveitamento comercial, engade Rodrigo Carballo, é preciso dispoñer de profesionais con preparación neste ámbito, no que xa comezan a agromar oportunidades de inserción laboral.
Carballo explica neste senso que o curso ‘Enerxía das Ondas: Avaliación do Recurso e Tecnoloxías’, un programa estruturado ao longo de tres xornadas nas que se combinan sesións expositivas de carácter teórico con clases prácticas interactivas en aulas de informática e na canle de ondas de que dispón a EPS de Enxeñaría, constitúe un acicate máis para achegar capacitación ligada ao aproveitamento enerxético undimotriz. De feito, sinala, as persoas inscritas nesta acción formativa do proxecto PORTOS tiveron a ocasión de ampliar coñecementos sobre fundamentos da enerxía das ondas, modelaxe numérica de WECs e modelaxe física de WECs, a través de módulos específicos.
Alén da formación e da transferencia de coñecemento propiamente dita, este curso promove tamén unha reflexión sobre vital importancia que teñen os portos marítimos para a economía mundial. O bo funcionamento das instalacións portuarias, advirte este investigador da EPS de Enxeñaría require dispoñer de grandes infraestruturas, que, á súa vez, esixen elevado subministro de enerxía e son fonte de polución. Dúas problemáticas ambientais xeneralizadas cuxos efectos poden mitigarse co emprego de enerxías renovables, dado que nestas áreas costeiras conflúen un elevado consumo e unha gran dispoñibilidade de enerxía renovable mariña, explica Rodrigo Carballo.
O proxecto PORTOS, no participan xunto coa EPS de Enxeñaría da USC, un total de 18 institucións europeas da rexión Atlántica, incluíndo centros de I+D+i, empresas e autoridades portuarias do Reino Unido, Francia, Irlanda, Portugal e España, botou a andar co ambicioso obxectivo de avaliar, desenvolver e promocionar o uso integrado de recursos enerxéticos renovables nas infraestruturas portuarias. Daquela, o aproveitamento das enerxías renovables mariñas antóllase fundamental para acadar a súa autosuficiencia enerxética e para avanzar no establecemento dunha folla de ruta cara a un sector máis competitivo, relata.
O profesor Rodrigo Carballo salienta asemade o importante cometido da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo no desenvolvemento do proxecto PORTOS, no marco do que os investigadores do centro universitario lugués son responsables, entre outros aspectos, da avaliación integrada das diferentes formas de enerxía nos portos participantes, así como da realización de ensaios experimentais a escala na canle de ondas e correntes da que dispón este centro.
Os estudos xa desenvolvidos na EPS de Enxeñaría ao abeiro do proxecto PORTOS permitiron determinar os emprazamentos e as tecnoloxías máis axeitados para o aproveitamento da enerxía das ondas e das correntes. As tecnoloxías seleccionadas, apunta este investigador do USC, son optimizadas para as condicións de clima marítimo existentes nas localizacións de interese por medio dos ensaios realizados nas instalacións dispoñibles actualmente no Campus de Lugo.