A Cátedra de Hidroloxía Médica renova o apoio da Axencia de Turismo de Galicia
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, acordaron este xoves renovar a colaboración para o desenvolvemento da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC, creada en 2009 coa Asociación Galega da Propiedade Balnearia.
A cátedra que dirixe o profesor emérito Juan Gestal leva impulsadas diferentes accións de promoción e formación dirixidas tanto ao alumnado que cursa estudos nas aulas da Facultade de Medicina e Odontoloxía como á sociedade en xeral. Unha delas foi a elaboración do Vademécum de aguas mineromedicinais de Galicia, presentado en marzo de 2017 e que recolle información sobre as principais indicacións terapéuticas das nosas augas.
Segundo explicou o profesor Gestal, grazas a este convenio este ano reimprimiranse 3.000 exemplares do volume e continuarase coa súa difusión entre o sector médico galego, en concreto atención primaria, PACs e pediatras de primaria de Ferrol, Pontevedra e Vigo e especialistas en dermatoloxía, neumoloxía, reumatoloxía e rehabilitación de toda Galicia.
O acordo que hoxe se asina coa Axencia de Turismo de Galicia, que aumenta a dotación de 35.000 a 40.000 euros anuais ata o curso 2020-2021, permitirá ademais continuar a promoción da investigación e difundir o coñecemento en Hidroloxía Médica coa organización de seminarios e xornadas, como os que estes meses de febreiro e marzo se desenvolven os fins de semana en diversos balnearios.
Outra acción inminente, ademais de continuar traballando nos protocolos terapéuticos de balnearios, é a elaboración de documentais sobre procedementos terapéuticos nos balnearios, a razón de dous por ano. Neste 2018 dedicaranse ao tratamento das patoloxías osteomuscular e respiratoria, e presentaranse antes do remate do curso con sendas conferencias abertas ao público.
No seu discurso, o reitor remarcou que con esta cátedra a USC cómpre cunha das súas misións fundamentais como é a de transferir coñecemento á nosa contorna, “non só a través da formación de profesionais con coñecementos específicos, senón cunha posta en valor efectiva do que supón para Galicia un ben tan prezado como o dos nosos balnearios, dende o punto de vista médico e económico”.
No acto de sinatura participaron tamén a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido; a presidenta da Asociación Galega da Propiedade Balnearia, Mª Soledad Espiño Alende; e o profesor Juan Gestal.
O acordo asinárono Nava Castro e Juan Viaño en San Xerome. Foto: Servimav