Skip to main content

Finsa procura activos para industria 4.0 na EPS de Enxeñaría

Docentes do grao en Robótica e directivos de Finsa observan diversos equipamentos na EPS de Enxeñaría
Docentes do grao en Robótica e directivos de Finsa observan diversos equipamentos na EPS de Enxeñaría
Directivos das plantas da compañía madeireira en Rábade e Santiago de Compostela visitan o centro universitario lugués para coñecer o grao en Robótica e as competencias e habilidades adquiridas polas persoas tituladas, ademais de para avaliar posibles colaboracións en liñas de investigación, proxectos de innovación e mellora de procesos
Lugo

A empresa Financiera Maderera S.A. (Finsa) procura novos activos para o desenvolvemento da industria 4.0 entre o alumnado e titulados da Escola Politécnica Superi or de Enxeñaría do Campus Terra, tal e como se deixou entrever no marco da recente visita realizada ao centro universitario lugués por parte de responsables dos equipos directivos das plantas de que dispón a citada compañía nos concellos de Santiago de Compostela e Rábade.

Os docentes e responsables do equipo de goberno da EPS de Enxeñaría que participaron neste encontro con directivos de Finsa aproveitaron a visita desta delegación empresarial para darlles a coñecer novo título de grao en Robótica, ao tempo que se fixo fincapé nas múltiples sinerxías que a implantación desta titulación está a xerar con outros itinerarios formativos xa existentes, tal e como é o caso dos graos en Enxeñaría Civil, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e mesmo co grao interuniversitario en Paisaxe.

Alén de coñecer as instalacións e o equipamento co que traballan alumnado e docentes da EPS de Enxeñaría, os directivos de Finsa tiveron a ocasión de coñecer de primeira man as distintas posibilidades de colaboración entre o centro universitario lugués e a compañía madeireira, para a que os futuros graduados e graduadas en Robótica poden constituír un activo moi importante cara a o desenvolvemento de novas liñas de investigación, proxectos de innovación e mesmo en todo o relativo a mellora de procesos.

Os estudantes de Robótica, explica o profesor Enrique Comesaña, reciben unha extensa formación en temáticas como a automatización de procesos, intelixencia artificial e redes neuronais, tratamento de imaxe e visión artificial e, entre outras, deseño e control de sistemas autónomos e intelixentes. Este tipo de competencias e habilidades, engade este docente, son clave para os novos profesionais que traballen no desenvolvemento da industria 4.0.

O coordinador do grao en Robótica na USC, Roberto Iglesias, e o subdirector de Calidade da EPS de Enxeñaría, Carlos Núñez Temes, tamén participaron, xunto con outros profesores desta titulación, como Efrén Arias ou Xosé Ramón Fernández, nesta xornada de presentación da EPS de Enxeñaría á delegación empresarial de Finsa, unha compañía dedicada á fabricación de taboleiros de fibras e derivados a madeira que na actualidade conta con 14 plantas de produción e dá emprego a máis de 3.000 persoas.

Financiera Maderera S.A. é a quinta maior empresa de Galicia e a sexta madeireira de Europa por volume de facturación, segundo indicaron os directivos de Finsa na súa visita ao centro universitario lugués, o escenario no que tamén salientaron o continuado esforzo que está a realizar esta compañía madeireira a prol da automatización e da optimización dos seus procesos, a fin de avanzar así cara a un proceso produtivo circular no que o residuo industrial se converta de novo en materia prima. A empresa sustenta asemade e súa ambición pola economía circular cun sistema de xestión medioambiental que xa está operativo e que se basea no compromiso co coidado do medio ambiente e co desenvolvemento sostible.

The contents of this page were updated on 07.27.2022.