Skip to main content

‘Notas á marxe’, un proxecto cultural de xornalismo lento, gaña a sétima edición da Bolsa Nacho Mirás

A bolsa para xornalistas noveis leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás
A bolsa para xornalistas noveis leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás
A convocatoria impulsada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, conta coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC
Santiago de Compostela

O xurado da bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis anunciou a súa decisión de premiar na edición de 2022 o proxecto denominado ‘Notas á marxe’, presentado por Belén Rodríguez Teiga e Carmen Novo Castiñeiras. O xurado da bolsa, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, escolleu esta proposta de "xornalismo lento" entre as presentadas á esta sétima convocatoria.

‘Notas á marxe’ parte dun produto literario, que tanto pode ser un libro, a letra dunha canción ou o texto dunha peza de teatro. A partir de aí, busca relacións con outras disciplinas que aborden a mesma idea para crear unha visión conxunta e completa. O obxectivo final é procurar reflexións, compartir ideas e, sobre todo, desenvolver o pensamento crítico. En canto ao formato, o proxecto articularase en torno a unha web que servirá para verter todos os contidos. Estes, á súa vez, faranse mediante dous formatos: un podcast mensual e unha newsletter quincenal. Entre as distintas temáticas que pretende abordar o proxecto encóntranse o aborto voluntario, a culpa, ou a representación e romantización do rural.

Belén Rodríguez Teiga e Carmen Novo Castiñeiras, responsables do proxecto, acadaron o grao de Xornalismo neste mesmo ano 2022. Rodríguez Teiga ten experiencia como redactora e locutora en prácticas na Radio Galicia – Cadena SER, é colaboradora de Luzes e ten escrito nas seccións de cinema e literatura de Balea Cultural. Pola súa banda, Novo Castiñeiras traballou como redactora en prácticas en La Voz de Galicia, tanto na sección de cultura como na delegación da Coruña, e ten especial interese na parte máis visual da comunicación, como o deseño ou a ilustración. O xurado estivo formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela.

A bolsa para xornalistas noveis leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020) e A Cousa e Zoom na Bagatela (2021).

The contents of this page were updated on 07.29.2022.