Skip to main content

Terceira edición das Conversas con artesáns, organizadas dende o grupo de estudos para a Prehistoria do noroeste ibérico

Terceira edición das Conversas con artesáns, organizadas dende o grupo de estudos para a Prehistoria do noroeste ibérico
Terceira edición das Conversas con artesáns, organizadas dende o grupo de estudos para a Prehistoria do noroeste ibérico

Coordinada pola profesora da USC Josefa Rey Castiñeira, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW ibérico. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN_AAT) da USC, esta semana desenvolverase na Facultade de Xeografía e Historia a terceira edición das Conversas con artesáns, dedicada ás crateriformes das Rías Baixas.

Por unha banda, este martes 6 ás 12.30 horas terá lugar na aula 2 do centro unha sesión etnoarqueográfica con tres oleiros tradicionais: Tomás López, da tradición a roda baixa, de Sober-Gundivós; Antonio Manuel Pereira Rodríguez “O Rulo”, da tradición a roda alta, de Buño; e José Manuel Fernández Otero, oleiro de tradición libre.

A xornada xirará arredor das vasillas castrexas das Rías Baixas que aparentan imitar as cráteras do mundo clásico mediterráneo, que algún castros galegos tamén importaron. Dende a mirada experta dos artesáns, trátase de establecer un filtro ás observacións arqueolóxicas aplicadas á cerámica castrexa, co fin de mellorar a súa caracterización tecnolóxica e funcional, para finalmente alcanzar unha tipoloxía da cerámica castrexa moito mais rica en matices, que sobrepase a evidencia do fragmento, que é como habitualmente aparece nas escavacións arqueolóxicas.

Conferencias
Por outra banda, o mércores 7 haberá unha xornada de conferencias sobre temas de arqueoloxía que dará comezo ás 10.00 e rematará ás 13.00 horas. Intervirán Elías Carrocera Fernández, da Universidade de Oviedo, co relatorio ‘O prerrománico e Santa Eulalia de Bóveda (Lugo)’; o arqueólogo Sergio Ríos González con ‘Unha visión xeral do termalismo castrexo’; e Marco de la Rasilla, tamén de Oviedo, coa charla ‘O grupo Neandertal da Cova de El Sidrón (Piloña, Asturias)’.

The contents of this page were updated on 03.05.2018.