Skip to main content

A USC colabora coa Xunta e a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais na investigación das pinturas prehistóricas de Cova dos Mouros

Intervención en Cova dos Mouros, na localidade luguesa de Baleira
Intervención en Cova dos Mouros, na localidade luguesa de Baleira
O convenio de colaboración entre as tres entidades permitirá cuantificar e documentar as pinturas rupestres que existen neste espazo considerado Ben de Interese Cultural
Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais cooperan no estudo das pinturas prehistóricas da Cova dos Mouros, situada no concello lucense de Baleira. Trátase dunha investigación ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre as tres entidades para favorecer o coñecemento e protección deste espazo considerado Ben de Interese Cultural.

O acordo permitiu por en marcha unha nova actuación coordinada por Ramón Fábregas Valcarce, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, e dirixida por Fernando Carrera Ramírez, profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que contou coa participación dun equipo multidisciplinar de especialistas en restauración e arqueoloxía.

A intervención busca cuantificar con precisión a totalidade das pinturas prehistóricas existentes na Cova dos Mouros,  localizadas por primeira vez en xullo de 2017. Cara a ese fin, realizouse unha acción previa de limpeza que respecta a entidade actual da pintura prehistórica e que facilita o seu acceso. A continuación iniciouse o traballo de documentación das pinturas caracterizando a súa composición e estabilidade e afondando no coñecemento da súa cronoloxía. Os traballos complétanse coa estimación das posibilidades de deterioro e coa proposta de accións de protección e conservación máis axeitadas.

Esta intervención funciona como unha actividade práctica de docencia-aprendizaxe mediante a participación activa de profesorado e alumnado tanto da Universidade de Santiago de Compostela como da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia que ten a súa sede en Pontevedra.

Primeiros achados

Os novos traballos na Cova dos Mouros dan continuidade aos realizados nos anos 2017 e 2018 que permitiron confirmar a existencia de ocupacións humanas prehistóricas neste abrigo e a localización dos primeiros restos de pintura. A día de hoxe figuran xa localizados 11 paneis pictóricos compostos por semicírculos, barras verticais e algunha representación antropomorfa, realizadas, todas elas, con pigmento de cor vermello.

The contents of this page were updated on 08.11.2022.