Skip to main content

Últimos días para solicitar as axudas dirixidas a persoas refuxiadas ou con estatuto de protección temporal

As axudas terán unha duración de doce meses consecutivos. FOTO: Santi Alvite
As axudas terán unha duración de doce meses consecutivos. FOTO: Santi Alvite
O prazo para concorrer á decena de bolsas para a realización de estudos de grao, mestrado ou doutoramento remata o 17 de agosto
Lugo, Santiago de Compostela

O mércores 17 de agosto remata o prazo de presentación de solicitudes ás axudas de nova adxudicación de cara ao curso académico 2022-2023 para a realización de estudos de grao, mestrado ou doutoramento na USC, dirixidas a persoas refuxiadas ou con estatuto de protección temporal. Promovida pola Universidade de Santiago de Compostela, a través da Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización e en estreita colaboración co Consello Social, esta convocatoria dotada con máis de 100.000 euros incrementa o número de bolsas de xeito notable con respecto a edicións anteriores e inclúe tamén a renovación das axudas deste programa outorgadas para o curso académico 2021-2022. 

A institución académica amplía o alcance destas axudas a estudantes que, aínda carecendo do estatuto de persoa refuxiada, posúan o de protección temporal ou ben procedan de países en conflito ou situados en áreas de conflito. Así, aos países incluídos en anteriores edicións do programa (Afganistán, Iemen, Irán, Iraq, Líbano, Palestina, Siria e Xordania) engádese Ucraína, dada a situación de guerra que atravesa o territorio dende febreiro de 2022.

As axudas terán unha duración de doce meses consecutivos e inclúen a cobertura da matrícula, aloxamento no Servizo Universitario de Residencias, unha dotación de 400 euros mensuais para gastos de manutención e matrícula en dous cursos semestrais de español ou galego no Centro de Linguas Modernas da USC. As solicitudes presentaranse seguindo os requisitos establecidos na convocatoria.

Programa consolidado

O 7 de setembro de 2015, as universidades españolas, no seo da Asemblea Xeral da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), acordaron facilitar a recepción e acollida de estudantado universitario refuxiado en forma de colaboración directa ou a través de accións de voluntariado ou de cooperación con outras administracións e axentes. Esta declaración de interese complementouse coas recomendacións emanadas da reunión do Comité Permanente da CRUE, entre as que se inclúen como posibles actuacións a acollida en residencias universitarias, a prestación de apoio á integración do estudantado refuxiado mediante asesoramento legal, psicolóxico ou sanitario e o acceso ou a continuación de estudos superiores, situando aos países en conflito como prioridade en materia de cooperación universitaria.

No curso 2016-2017, a Vicerreitoría con competencias en materia de Internacionalización asumiu este compromiso mediante a primeira convocatoria do Programa de axudas para persoas refuxiadas, ofertando dúas prazas para a continuación na USC de estudos de grao, mestrado ou doutoramento. Dende entón, a USC convocou anualmente este programa de axudas de xeito ininterrompido.

The contents of this page were updated on 08.12.2022.