Skip to main content

A USC dá a benvida ao alumnado con actos culturais, deporte, concertos, talleres e visitas en Lugo e Santiago

Paneis informativos das actividades incluídas nas xornadas 'BenVidaUSC!'. Foto: Santi Alvite
Paneis informativos das actividades incluídas nas xornadas 'BenVidaUSC!'. Foto: Santi Alvite
Os vicerreitores Pilar Murias e Francisco Fraga presentan xunto coa alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro Mauricio Repetto as xornadas ‘#BenVidaUSC!’ que se desenvolverán do 13 ao 15 de setembro en Lugo e Santiago para amosar a ampla oferta de actividades de que pode gozar o estudantado universitario
Lugo, Santiago de Compostela

A USC dá a benvida ao alumnado universitario cun amplo programa de actividades culturais, deportivas, concertos, obradoiros, roteiros fotográficos e visitas guiadas que se desenvolverán do 13 ao 15 de setembro nas cidades de Lugo e Santiago ao abeiro das xornadas de inicio de curso ‘#BenVidaUSC!’, unha iniciativa a través da que se pretende informar da ampla oferta lúdica e de servizos que ten ao seu dispor o alumnado que está a cursar estudos universitarios nos campus de Lugo e de Compostela.

As xornadas ‘¡#BenVidaUSC!’ constitúen unha iniciativa que busca poñer en valor as potencialidades reais dos servizos que presta a USC á comunidade universitaria”, sinalou a vicerreitora de Cultura e Estudantes, Pilar Murias, na presentación da programación, no marco dun acto celebrado nas dependencias municipais do Concello de Lugo, no que tamén participaron o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, e a alcaldesa Lara Méndez, quen fixo fincapé “na significativa importancia e incidencia que ten o Campus lugués na vida da cidade amurallada”.

A filosofía do programa de actividades deseñado pola USC pasa por dar a coñecer ao estudantado as diferentes alternativas que lles ofrece tanto a propia institución académica como as cidades de Lugo e Santiago, engadiu Pilar Murias, quen tamén salientou a colaboración prestada polas distintas administracións como un impulso para mellorar tanto a formación como a calidade de vida do estudantado. Ademais dos concellos de Lugo e Compostela e a propia Xunta de Galicia, a vicerreitora incluíu no capítulo de agradecementos as cafeterías universitarias e o grupo empresarial Leite Río, que tamén figura entre os colaboradores.

O programa ‘#BenVidaUSC!’ permitirá achegar ao alumnado servizos universitarios con especial incidencia na vida universitaria, dixo Murias, para logo citar Voluntariado, Orientación e Inserción Laboral, Unidade Atención Psicolóxica ou, entre outros, o Centro de Linguas Modernas. Alén destas servizos propios, tamén estará presente nestes xornadas de acollemento a Oficina de Igualdade da Xunta de Galicia e mesmo se celebrarán obradoiros sobre sexualidade.

A actividade deportiva tamén será protagonista nesta iniciativa da USC, no marco da que diferentes espazos do Campus de Lugo e de Compostela acollerán diversas exhibicións de disciplinas ximnásticas e deportivas, ao tempo que se habilitarán espazos informativos nos que a Oficina de Deportes da USC dará conta da súa oferta para o presente curso.

‘#BenVidaUSC!’ Lugo

As actividades programadas en Lugo terán como escenario distintos emprazamentos da sede universitaria así como da capital amurallada e desenvolveranse en quenda de mañá e tarde. Visitas guiadas á Domus do Mitreo, roteiros diurnos e nocturnos polo recinto histórico de Lugo e pola sede universitaria, ademais dunha cata nas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) abren o 13 de setembro o programa ‘¡#Ben Vida USC!’ no Campus lugués no marco dunha xornada durante a que tamén se celebrarán aulas abertas de ioga, na Facultade Ciencias, e de defensa persoal, nas instalacións do CIFP Politécnico, ademais de conversas co profesorado do Centro de Linguas Modernas da USC na Facultade de Humanidades. Dous concertos gratuítos, a partir das 21.00 horas, na explanada de acceso á Facultade de ADE, a cargo de Bratzantifa e Nebra, completan o cartel do primeiro día das xornadas ‘#Ben Vida USC!’.

A programación organizada para dar a benvida ao novo alumnado matriculado na sede universitaria luguesa, pero aberta a toda a comunidade universitaria continuará o mércores e o xoves con roteiros nocturnos e de arte urbana pola cidade, coloquios en idiomas estranxeiros, presentación de servizos e asociacións universitarias, obradoiros de baile tradicional, sesións de D’j e concertos, a partir das 20.00 horas, na explanada da Facultade de ADE, a cargo de As fillas de Cassandra, Grima e Son do Galpom. Antes desta velada nocturna, o alumnado interesado tamén poder participar nun encontro informativo con representantes de clubs deportivos de alto nivel.

Ao día seguinte, as xornadas ‘#BenVidaUSC!’ continuarán no Campus de Lugo con máis actividades lúdicas e informativas, así como coa presentación da programación teatral da USC e unha aula aberta de danza contemporánea.

‘#BenVidaUSC!’ Compostela

O programa de actividades en Santiago de Compostela desenvolverase en quince puntos diferentes da cidade. Así, ao longo dos tres días poderán realizarse visitas guiadas ao Museo de Historia Natural e ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller, ademais dun roteiro polos colexios de San Xerome e Fonseca. A Praza Rodríguez Cadarso albergará postos informativos, así como o desenvolvemento de diversos torneos deportivos.
 
O martes 13, a Facultade de Psicoloxía acollerá unha aula aberta de ioga, mentres que Xeografía e Historia será o escenario dun concerto da Orquestra Universitaria. A aula aberta de danza contemporánea e a intervención de tango terán lugar no Seminario de Estudos galegos. Pola súa parte, Ciencias da Comunicación albergará a pinchada pícnic DISCOSLAPLAZA; Filoloxía será o lugar escollido para o intercambio lingüístico organizado dende o Centro de Linguas Modernas: e Ciencias da Educación no Campus Norte será escenario dunha aula aberta de zumba que, ao día seguinte, repetirase na explanada do Burgo das Nacións.
 
O mércores 14, os soportais da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias acollerán unha aula aberta de pilates; o pavillón estudantil será o punto elixido para unha nova edición dos encontros do CLM; mentres que a Sala Roberto Vidal Bolaño  acollerá a presentación da actividade teatral da USC con photocall, atrezzo e vestiario. Ademais, nesa mesma xornada, o coro universitario desenvolverá unha aula aberta na Igrexa da Universidade.
 
Na derradeira xornada, o xoves 15, a Praza Rodríguez Cadarso acollerá o concerto da orquestra universitaria, a pinchada pícnic con Riquinha DJSET, unha aula aberta de baile
tradicional e pandeiretas, e a presentación das asociacións de estudantes da USC. Ximnasia acrobática e trampolín, un faladoiro coa delegada de Igualdade, a presentación da Unidade de Atención Psicolóxica, o obradoiro ‘Sexoentempos de tinder’ Quérote + e os encontros informativos con clubs deportivos de alto nivel completan a programación dunha xornada que terá como colofón os concertos de Futuro Alcalde, Bratzantifa, Mundo Prestigio e André GS.

 

Pilar Murias, Francisco Fraga, Lara Méndez e Mauricio Repetto, na presentación de 'BenVidaUSC!'
Pilar Murias, Francisco Fraga, Lara Méndez e Mauricio Repetto, na presentación de 'BenVidaUSC!'
The contents of this page were updated on 11.07.2022.