Unha delegación tinerfeña de universitarios sénior visitan este xoves a Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
Unha delegación tinerfeña de estudantes sénior da Universidade de La Laguna visitará este xoves, a partir das 11.30 horas, a Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, para participar nunha recepción institucional ofrecida pola vicerreitora Montserrat Valcárcel Armesto.
A directora do IV Ciclo Universitario da USC, Esther Olveira Olveira, e a coordinadora deste programa de formación de persoas maiores de 50 anos na sede universitaria luguesa, a profesora Teresa Rodríguez, tamén participarán nesta sesión, que tamén está aberta á participación de alumnado sénior da USC.
A visita desta delegación canaria ao campus de Lugo encádrase no marco da estadía que está a completar esta semana un grupo de alumnado sénior da Universidade de La Laguna nos campus composteláns da USC. Ademais da recepción institucional, a comitiva canaria aproveitará a súa estadía en Lugo para visitar o Museo Universitario da Domus do Mitreo, facer un percorrido pola catedral de Lugo coa guía de Carolina Casal Chico, ao tempo que poderá coñecer o centro cívico do Vello Cárcere de Lugo.