Skip to main content

O Congreso Internacional de Arqueoloxía do Ouro pon en valor a ourivería antiga de Galicia e a súa tecnoloxía e explotación

Logotipo do congreso
Logotipo do congreso
O evento organizado polo Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC e o Museo Provincial cita en Lugo do 7 ao 10 de novembro a investigadores de todo o mundo

O Congreso Internacional de Arqueoloxía do Ouro, un evento organizado polo Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC en colaboración co Museo Provincial de Lugo co gallo da celebración do 70 aniversario do museo lugués, congregará do 7 ao 9 de novembro na capital amurallada a expertos internacionais en ourivería antiga.

Este evento monográfico sobre arqueoloxía do ouro en Galicia, para o que xa se cubriron as 140 prazas de matrícula ofertadas, permitirá servirá para poñer en valor a importancia da ourivería tradicional galega, tesouros herdados cando menos en parte das poboacións castrexas e romanas, ao tempo que fará posible afondar no coñecemento dos primitivos procesos de explotación aurífera desde as Médulas ata a conca mineira da ribeira do Sil, segundo sinalou a catedrática de Historia da Arte da USC e directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade, Ana Goy Diz.

Estruturado en catro sesións temáticas: Terra auris, paisaxe aurífera e circulación do ouro; Tecnoloxía da ourivería antiga: contribucións do ouro; Arqueoloxía do ouro. Presente e futuro da investigación en ourivería antiga, e O ouro e os sentidos: A ourivería como símbolo, relación de identidade, xénero, poder/prestixio, este congreso internacional sobre arqueoloxía do ouro antóllase tamén como un foro acaído para salientar tamén o interese engadido que outorga a estas pezas ou xoias de ourivería o seu valor documental e informativo.

A directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC salientou asemade a pertinencia de celebrar este congreso científico na cidade amurallada, dado que o Museo Provincial de Lugo conta na actualidade coa colección de Álvaro Gil, a colección de ourivería máis importante de todas cantas hai documentadas en Galicia e a única que está declarada como Ben de Interese Cultural en 2015. Esta mostra inclúe pezas datadas entre o III milenio a.C. ata o s.VI d.C. Un conxunto de 56 pezas que se exhiben na sala 8 do Museo Provincial de Lugo, unhas dependencias que actualmente están en fase de remodelación museográfica. Contén torques, brazais, arracadas e pulseiras procedentes de todo o territorio galego. Inclúe xoias como o Torques de Burela, que é o máis grande atopado en Galicia, unha xoia de case dous quilos encontrada no ano 1945 nun castro de dito municipio mariñán.

Presentación do congreso

O Congreso Internacional de Arqueoloxía do Ouro botará a andar este mércores 7 de novembro, a partir das 19.00 horas, no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo, coa celebración dun acto institucional de inauguración deste simposio, unha sesión na que participarán, entre outras autoridades, a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Álvaro Santos; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López; a deputada provincial delegada da área de Cultura, Pilar García Porto, e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo.

Unha vez remata a presentación do evento, o profesor de Arqueoloxía Científica na Universidade de Cambridge Marcos Martinón-Torres, ofrecerá o relatorio inaugural do congreso, unha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘O ouro de El Dorado: verdades e mentiras sobre unha historia lexendaria’.

O programa de relatorios no que está estruturado o congreso, en cuxo comité científico figuran ademais de Ana Goy Diz e Marcos Martinón-Torres, Aurelia Balseiro, Xosé Lois Armada, e Bea Comendador, desenvolverase os días 8 e 9 de novembro en quenda de mañá e tarde.

The contents of this page were updated on 11.06.2018.